publicidade hoxe

Regresa unha das citas claves da música folk co XXX Festival Intercéltico do Morrazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaMoaña
A-
A+
Presentación do Festival Intercéltico do Morrazo

Presentación do Festival Intercéltico do Morrazo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na presentación da nova programación do Festival Intercéltico do Morrazo, un dos encontros pioneiros na promoción e difusión da música folk en Galicia, que celebrará a súa trixésima edición o 25 e o 26 de xullo en Moaña.

Para encabezar o cartel deste ano, a organización do Intercéltico apostou por tres destacados embaixadores da música galega de raíz tradicional: Budiño, Luar na Lubre e Susana Seivane. Ademais, os novos talentos tamén terán cabida neste escenario, como é o caso do grupo coruñés SeisPorOito, que actuará en Moaña tras gañar o concurso para grupos noveis organizado polo festival. Así mesmo e como oferta paralela ás citas musicais, incorpórase unha feira de artesanía tradicional con vinte postos de venda que reunirán comerciantes chegados de diferentes puntos de España.

A programación completa foi desvelada hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Moaña e na que o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, participou en nome da Consellería de Cultura e Educación. Na presentación tamén interviñeron a concelleira de Cultura de Moaña, Colomba López Freire, e a deputada provincial de Pontevedra Begoña Estévez Bernárdez, así como Xosé Manuel Budiño e os representantes de Luar na Lubre.

Traxectoria ininterrompida

O director da Agadic trasladoulles aos organizadores os parabéns da Consellería de Cultura por estes trinta anos de traxectoria ininterrompida, que “xunto cunha programación de calidade e a implicación popular, converten ao Intercéltico nun referente dentro do panorama xeral de festivais de Galicia”, asegurou.

O labor de difusión e de creación de novos públicos para a música galega, a promoción dos artistas emerxentes ou o seu valor decisivo para a industria musical foron algúns dos puntos que remarcou Jacobo Sutil á hora de valorar a relevancia deste tipo de festivais, que ofrecen ademais un retorno económico para o sector servizos das localidades onde se desenvolven.

Recoñecemento do valor cultural e económico

Neste sentido, explicou que, tendo en conta precisamente o carácter estratéxico deste tipo de eventos tanto a nivel cultural como económico, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria articula diferentes vías de colaboración cos seus organizadores, entre as que mantén unha liña específica de subvencións –convocada desde 2012 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais– como canle estable de apoio público aos festivais musicais e escénicos que se celebran cada ano en Galicia.

O director da Agadic incidiu, así mesmo, no rol do Festival Intercéltico como unha das plataformas que funcionou como “xermolo e catalizador” do chamado ‘boom’ do folk galego, “unha eclosión que –engadiu– serviu en gran medida para sentar as bases do que é a nosa actual industria musical e para lle amosar ao mundo todo o seu potencial”.

Neste sentido, subliñou que este traballo compartido entre artistas, programadores, empresas e administracións continúa hoxe en día a dar os seus froitos, entre os que destacou a celebración o vindeiro mes de outubro en Santiago de Compostela de Womex, o meirande mercado internacional para as músicas do mundo: “Todo un fito que non sería posible se non contásemos cunha vizosa tradición e cunha industria musical na que os festivais de folk desempeñan unha función determinante”, afirmou.

11 de xullo de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.