publicidade hoxe

Regina Polín acadou da Deputación 20.000 euros, que garantiron as últimas seis edicións da Feira dos Callos, Cantería e Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Regina Polín acadou 20.000 euros da Deputación para garantir a celebración das últimas seis edicións da Feira dos Callos, Cantería e Artesanía de Parga, no Concello de Guitiriz. O seu compromiso e vinculación con estes sectores, así como a súa aposta persoal polo seu mantemento e recuperación en prol do emprego e da cultura lucense, fixeron que o organismo provincial financiase este cita, ininterrompidamente, dende 2008. Precisamente, este martes asinouse o convenio polo que se aprobou a subvención de 3.000 euros que a Deputación concedeu ó Concello de Guitiriz para a celebración deste festexo no 2014. Foi nun acto, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, no que participaron, ademais da Deputada de Deseño e Artesanía como impulsora desta axuda, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, e a Concelleira guitiricense Ana Broz.

O Alcalde deste municipio, Xosé María Teixido, declinou a invitación da institución luguesa, delegando en dita Concelleira a sinatura do convenio. O Rexedor non quixo hoxe acudir ó organismo provincial, ó igual que tampouco quixo convidar a ningún dos seus representantes á presentación en Guitiriz da Feira dos Callos, Cantería e Artesanía de Parga para este ano. Xa o ano pasado, Teixido tentou frear a participación do organismo provincial neste acto. Nembargantes, a pesares de todos os inconvenientes do Alcalde, Regina Polín seguiu traballando para garantir a celebración desta cita con axuda da Deputación, acadando, ano tras ano, o financiamento provincial.

Os 20.000 euros que o organismo provincial concedeu á celebración deste festexo, engádese ós preto doutros 2 millóns de euros que tamén achegou a Guitiriz nos últimos anos en beneficio dos seus veciños. Este orzamento investiuse en novos servizos públicos, por exemplo, acceso wifi libre e gratuíto na praza pública e no Consistorio; así como na mellora de dotacións existentes, tanto provinciais como municipais, moitas delas en zonas rurais co fin de garantir a igualdade de oportunidades ós cidadáns. Do mesmo xeito, a Deputación mantén o compromiso de investir 1,2 millóns de euros na construción dun centro de día e residencia pública en Guitiriz aínda das continúas trabas interposta por Teixido a este proxecto provincial.

22 de xullo de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.