publicidade hoxe

Récord de alumnado na Escola Municipal de Música de Caldas de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

A Escola Municipal de Caldas de Reis, en funcionamento dende o ano 1995, ten como un dos seus obxectivos xerais o de facilitar a educación musical a todas as persoas que o desexen, sen límite de idade ou capacidade. Da Escola de Música surxíu a Banda Municipal de Música de Caldas de Reis no ano 2005; é por estas razóns, que non ano 2015 celebrarase o XX Aniversario da Escola Municipal de Música e o X Aniversario da Banda de Música Municipal, polo que xa están programando os actos e concertos para celebrar estes dous acontecementos.

Neste curso impartiranse clases de trompeta, guitarra, piano, clarinete, saxofón, trombón, trompa, tuba, percusión, violín, música e movemento para nenos/as, linguaxe musical, música para adultos e, como novidade, este ano preténdese crear un grupo de voces.

Para este curso escolar xa están inscritos 190 alumnos nas distintas especialidades e instrumentos, a partir dos catro anos e sen límite de idade; e a día de hoxe aínda se pode solicitar praza, polo que se estima que esta cifra poida aumentar nos próximos días.

Con estes datos, a Escola bate o seu récord de alumnado; e aínda que a maioría son caldenses, tamén hai alumnos doutros concellos da comarca, como Portas, Valga, Moraña, etc.

Ademais do caráctter non formal, a Escola Municipal tamén forma a alumnos para presentarse ás probas oficiais do Conservatorio e, nos últimos anos a media de aprobados é do 100% con acceso ao Grao Medio.

A concelleira de Cultura, María López, manifestou que é intención do Concello seguir apostando e apoiando á Escola Municipal de Música xa que, a pesar de que as economías familiares non pasan polo seu mellor momento, tanto a resposta do alumnado como os obxectivos sociais e culturais son totalmente favorables para Caldas e a súa poboación.

27 de xullo de 2014 | 10:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.