publicidade hoxe

Ramón Veloso ratifica que se presentará ás primarias en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Europa Press

O concelleiro Ramón Veloso ratificou que se presentará ao proceso de primarias do Partido Socialista de Ferrol, co obxectivo de liderar a candidatura do partido ás eleccións municipais e coa intención de “ilusionar” os militantes para que todos estean “xuntos e integrados como unha piña”.

O día despois de que a deputada e secretaria xeral dos socialistas ferrolanos Beatriz Sestayo anunciara a súa intención de presentarse ao proceso de primarias, Ramón Veloso confirmou que cando se abra o prazo correspondente presentará a súa candidatura.

Ante o anuncio de Sestayo asegurou que “se alegra” da súa decisión porque “canta máis xente se presente mellor”, porque se competirá “en algo importante” para demostrar que “o PSOE ten moito que dicir no futuro desta cidade”.

“Alégrome de que se presente, somos compañeiros todos e cantos máis esteamos aí para dar unha saída socialista ao Concello de Ferrol moito mellor”, engadiu.

Ramón Veloso, que ocupou o cargo de concelleiro de Facenda durante o anterior mandato presidido por Vicente Irisarri, confía en presentar unha “proposta de futuro importante socialista en Ferrol”, porque “o PSOE ten banco, ten propostas e ideas.

O edil socialista comprometeuse a traballar en especial para que o goberno local, na medida das súas posibilidades, contribúa a evitar a actual situación de desemprego nunha cidade “que o está a pasar mal”, na que recordou que a cifra de taxa de actividade se sitúa en pouco máis do 30%.

“PECHAR FIMO”

En rolda de prensa, os concelleiros Ramón Veloso e Jaime Pena denunciaron a situación que atravesa o recinto feiral de Ferrol, FIMO, do que acusan o goberno local por “inacción”. A instalación non acollerá este mes de xullo a edición 52 da Feira de Mostras, a decana neste tipo de eventos en Galicia.

Ademais, os catro traballadores que permanecen na instalación –dous operarios de mantemento, un comercial e un administrativo– acumulan case 13 meses sen cobrar e as débedas poden superar, segundo Pena, os “dous millóns de euros”.

“O goberno municipal está a mirar para outro lado”, asegurou Veloso, que reclamou o apoio da Xunta de Galicia para poñer en marcha de novo a feira de mostras. O 55% do recinto feiral estaba en mans da Cámara de Comercio, que está rexida na actualidade por unha Comisión Xestora designada pola Consellería de Economía e Industria. A administración local, que posuía o 45%, iniciou as xestións para facerse coa maioría do conxunto de accionistas.

Veloso acusou o goberno local de “estar a rematar pouco a pouco con todos os sinais de identidade da cidade”. O “despropósito” increméntase, engadiu, cando grupos de persoas se achegan a FIMO, ante a información que recibiron na oficina de turismo sobre a celebración da feira internacional de mostras de Ferrol.

“Ao alcalde vaille caber a dubidosa honra de ser a persoa que pechou o recinto feiral de FIMO”, engadiu Jaime Pena, que reclamou a implicación da Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña para reactivar o recinto feiral.

Por outra banda, os socialistas denunciaron que no que vai de ano o pleno municipal convalidou “máis de 3 millóns de euros” en pagamento de facturas por contratos que venceron e que non se volveron convocar. Como exemplo, Pena citou a situación do contrato de iluminación eléctrica, que “lle está custando 600.000 euros máis ao ano por non convocar o concurso”.

29 de xullo de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.