publicidade hoxe

Plan especial de atención aos peóns nas festas do Burgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

As festas de Santiago do Burgo comezan hoxe cun gran programa de actos que congregará a miles de persoas no municipio. Esta previsión de afluencia leva ao Concello de Culleredo, desde a área de Seguridade Cidadá, a establecer un plan de tráfico con especial atención ao peón.

Como serán miles as persoas que acudan a pé ao recinto da festa, os efectivos da Policía Local e Protección Civil establecerán unha vixilancia nos pasos de peóns da contorna. O primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, explica que o obxectivo será proporcionar as mellores condicións de seguridade viaria aos viandantes, os actores con maior necesidade de protección no tráfico.

Para iso mesmo, o Concello instalou novas zonas de protección na avenida de Juan Carlos I. Ofrécense así zonas reservadas de paso aos viandantes.

De especial atención será o paso pola ponte do Burgo, actualmente en obras para ser ampliado. Os que o empreguen deben atender “ao máximo” os sinais indicadores para evitar riscos, sinala Rioboo.

En materia de seguridade cidadá, a cooperación entre Garda Civil, Policía Local e Protección Civil volverá ser clave. Os controis nos accesos actuarán como prevención e a presenza in situ polas noites atenderá calquera necesidade dos asistentes.

En canto aos aparcadoiros, o Concello habilitará unha gran parcela xunto ao botánico e os parkings en superficie e subterráneo do hipermercado de Gadis, en virtude do convenio asinado. Serán máis de 1.600 vehículos os que se beneficien do servizo.

Para persoas con mobilidade reducida, o Concello creará zonas especiais no aparcadoiro de Gadis e na rúa Templarios.

O primeiro tenente de alcalde sinala que se creou un plan “amplo e adaptado ás necesidades dunhas festas de primeiro nivel en Galicia” como as do Burgo. O Concello fai un chamamento a gozar dos festexos con tranquilidade, conducindo sen pinga de alcol e atendendo en todo momento ás indicacións dos efectivos de seguridade.

23 de xullo de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.