publicidade hoxe

Pepe Vaamonde e os grupos emerxentes do “Proxecto Runas” coprotagonizan a primeira noite do 30 Festival Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

Comeza a conta atrás. En menos de 24 horas arrinca oficialmente o 30 Festival Ortigueira. Aínda que nas rúas e no piñeiral de Morouzos, o ambiente festivo déixase sentir xa desde hai días. Na xornada prólogo do certame, en plena “operación chegada”, os grupos emerxentes do “Proxecto Runas” compartirán protagonismo coa animada proposta musical de Pepe Vaamonde Grupo. O veterano certame folk prolongarase até o domingo, e contará como cabezas de cartel con The Chieftains e Milladoiro.

O Concello de Ortigueira, organizador do evento declarado de interese turístico internacional, apura o despregamento operativo preciso para botar a andar o festival, e preparar o núcleo urbano, de apenas dous mil veciños, para recibir, un ano máis, a decenas de miles de visitantes (o pasado ano foron ao redor de 50.000 persoas).

Todo a punto pois, para dar o pistoletazo de saída do 30 Festival Ortigueira que, como se anunciou, renderá tributo á historia do veterano certame. Serán tres noites de concertos e unha xornada final de peche, o domingo, co desfile de bandas das Nacións Celtas como principal atractivo.

En total, os folkies que xa levan varios días chegando a Ortigueira terán ocasión de gozar de 15 concertos gratuítos, e unha oferta de actividades diúrnas completamente renovada, con concursos de gaiteiros/as e cuartetos tradicionais ou as “free session”, espazo a pé de rúa para as bandas que queiran darse a coñecer.

A final do “Proxecto Runas”, de promoción de grupos emerxentes, centra a programación artística da noite de mañá xoves, a de apertura. Sobre o Escenario Alameda, competirán por facerse co primeiro premio (5.000 euros e a presenza asegurada no cartel do 2015), os galegos Tiruleque e Cuarteto Caramuxo e a banda liderada polo trikitilari vasco Xabi Aburruzaga.

Un xurado, integrado polo gaiteiro Pepe Vaamonde, o acordeonista Diego Maceiras e Manuel Garrido Rodríguez, músico e profesor de gaita, decidirá quen é o gañador deste concurso, creado no ano 2000 para promocionar aos novos valores do folk, e reforzado este ano economicamente. Así mesmo decidirán a quen corresponde a segunda e terceira posición (3.000 e 2000 euros, respectivamente); un fallo que se fará público ao comezo do maratón de concertos do venres.

E a modo de fin de festa, entrada xa a madrugada, Pepe Vaamonde Grupo– que adiantará os temas do seu cuarto traballo discográfico, “Lume”- tomará a testemuña do “Proxecto Runas” para rematar ao grande, e co mellor ánimo posible, a primeira xornada do Festival que, como vén sendo habitual inaugurarase á tardiña na Praza de Isabel II cun espectáculo de música e baile tradicional de distintas Nacións Celtas, organizado pola Escola de Gaitas de Ortigueira.

Servizos para os visitantes

Co dispositivo de seguridade xa en marcha, e co obxectivo de facilitar ao máximo a chegada de visitantes, Arriva Noroeste iniciaba hoxe mesmo os servizos especiais, que incluirán buses lanzadeira desde boa parte das cidades galegas; un esforzo ao que mañá se sumarán os convois de FEVE desde Ferrol e A Mariña.

Xa en Ortigueira, desde esta noite será posible estacionar no parking vixiado de pago habilitado pola organización na entrada do pobo, se se chega desde Viveiro; en tanto que os buses urbanos que conectarán aparcadoiro oficial- núcleo urbano- acampada, comezarán a funcionar mañá pola tarde e terán un custo de 1 euro, cifra que subirá a 3 euros para quen se suban na parada do parking e non sexan usuarios do mesmo.

Será o principio do certame folk, patrocinado por Deputación da Coruña, Axencia Galega de Turismo, Agadic, INAEM, Gadis, Coca Cola e TVG, que se prolongará até o domingo e que contará, ademais de cos emblemáticos Milladoiro (venres) e The Chieftains (sábado), con concertos únicos en España como o da Treatcherous Orchestra ou o espectáculo “Fest Rock”, mestura explosiva dos sones tradicionais bretóns da Bagad Kemper e o rock de Rede Cardell.

16 de xullo de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.