publicidade hoxe

Os rexedores de Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos súmanse ao manifesto para manter o mapa xudicial da provincia

“Nesta cuestión non hai cores políticas. Esta é unha acción polo ben común que nos afecta e debemos defender todos”. Así definiu o alcalde de Redondela, Javier Bas, o manifesto impulsado pola Deputación de Pontevedra e ao que esta mañá se sumaron os Concellos de Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. Nunha reunión celebrada na Casa do Concello de Redondela, os representantes de cada municipio da comarca, a excepción do de Fornelos de Montes que non puido acudir, expresaron a súa inquietude polo prexuízo que suporá para os seus veciños a reforma do mapa xudicial da provincia impulsada polo Ministerio de Xustiza e que pretende suprimir os partidos xudiciais.

O obxectivo desta reunión era “Defender os intereses dos nosos veciños facendo unha fronte común e sumándonos á declaración realizada polo presidente Louzán este luns”, afirmou o edil redondelano, Javier Bas, que aproveitou a ocasión para agradecer aos representantes do resto de Concellos o seu apoio ao manifesto. Unha declaración que concuerda co rexeitamento mostrado a esta reforma xudicial polos plenos municipais de todos os Concellos da comarca.

O manifesto pretende “paralizar o proxecto de reforma da planta xudicial ata que se estude con detalle o caso de Galicia e da provincia de Pontevedra”, afirmou Bas, que aclarou que dentro das distintas peticións tamén se solicitou unha reunión en Madrid con representantes do Ministerio de Xustiza para estudar o asunto.

No documento deféndese que as diferentes comarcas de Pontevedra teñen unha configuración “particular e que as distingue fronte a outras provincias do estado”. Unha cuestión que se explica mediante a crise demográfica ademais do envellecemento e dispersión da poboación. Neste sentido expresábase a edil de Pazos de Borbén, Montserrat Fragueiro. “A nosa poboación ten unha idade media bastante alta e non poden desprazarse con tanta facilidade, ademais non temos o transporte que poden ter outros concellos”.

Desta maneira, os asinantes consideran que a supresión de partidos xudiciais levará un prexuízo económico e social, así como botará por terra o axioma democrático de achegar a Xustiza ao cidadán. “Esta reforma non mellora en nada o panorama actual e supón unha clara limitación no acceso á xustiza para todos os veciños”, aclarou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que engadiu,” Por unha vez está todo o mundo de acordo, profesionais, expertos, alcaldes, veciños… non creo que esteamos todos equivocados. Esta reforma supón o empobrecimiento dun servizo básico e fundamental para o cidadán”.

23 de xullo de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.