publicidade hoxe

Os nenos de Soutomaior gozan aprendendo a cociñar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Máis de 50 nenos de Soutomaior viviron esta mañá o seu particular ‘Master Chef’ no taller de cociña infantil organizado polo Concello dentro do seu programa de actividades de verán. Unha proposta que pretende achegar aos nenos ao mundo da cociña, fomentar uns hábitos alimenticios saudables e na que os pequenos gozaron preparando unhas brochetas de froita e unhas divertidas mini hamburguesas.

Para un neno, a cociña é un lugar cheo de misterio. Un sitio onde entran os maiores e, despois dun intre, salgue comida. Con todo para os pais a cociña é un lugar perigoso, cheo de coitelos, enchufes, produtos de limpeza e toda clase de cousas ás que os nenos non deben achegarse. Con todo, o romper esa relación de medo e misterio é beneficioso para os nenos.“Entenden mellor de onde vén cada alimento, valoran máis o traballo que hai detrás de cada comida, interésanlles ingredientes que non lles gustaban antes e atrévense a probar cousas novas…”, afirma Manuel Vidal, un dos cociñeiros encargados do taller, ao preguntarlle polos beneficios deste taller.

Ataviados cos seus mandiles, gorros e chaquetillas, os pequenos aprenderon os beneficios dunha alimentación saudable e equilibrada da mellor maneira, practicando. Divididos por grupos, exercitáronse na mellor maneira de cortar a froita e realizar unha saborosa brocheta de froita, alternando sabores e texturas. A continuación, chegou o momento preferido para a maioría dos pequenos, a preparación dunha das súas comidas preferidas, unhas deliciosas mini hamburguesas.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, non quixo perder a ocasión de gozar dun intre en compañía dos pequenos e poder cociñar con eles. “O Concello de Soutomaior foi tradicionalmente berce de grandes chefs. Quen sabe si con actividades espertamos a vocación dalgún destes pequenos cociñeiros “, afirmou o edil.

Mostra da gran tradición culinaria de Soutomaior era outro dos titores da actividade, o cociñeiro Joaquín Lema. Un dos distinguidos chefs de Soutomaior que contribuíu a levar a cociña e o nome de Soutomaior por todo o mundo. “Contaba o escritor Diego Bernal nunha das súas novelas que os de Soutomaior son os mellores cociñeiros do mundo. En calquera lugar da terra onde hai un bo restaurante, hai un bo cociñeiro de Soutomaior”, comentou o chef.

18 de xullo de 2014 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.