publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os clientes de Melide poden escoller o seu comercio favorito e conseguir agasallos con Máis que comercio!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe nesta localidade a campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá en agosto no centro comercial aberto da vila, e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes.

As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 para mercar no comercio local. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa, de entre os 115 comercios participantes, recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a directora xeral de Comercio -que estivo acompañada pola alcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez Mejuto, o presidente da federación provincial de comercio, Miguel Agromayor, e responsables do CCA- destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Lembrou Vázquez Abeal que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Consellería de Economía e Industria de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal se inclúe o programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, nas cales o CCA de Melide resultou beneficiado con apoios por máis de 22.000 euros.

29 de xullo de 2014 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.