publicidade hoxe

Os 25 xóvenes do campo de traballo audiovisual de Celanova rodarán unha curtametraxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaLocal Portada
A-
A+

Os 25 mozos e mozas que están a participar no campo de traballo que se está a celebrar en Celanova do 15 ao 30 de xullo rodarán unha curtametraxe como punto e final á súa estadía. Os voluntarios que toman parte nesta iniciativa proveñen de Galicia, doutras comunidades autónomas, e de Corea do Sur, Ucraína, Alemaña, República Checa e Francia.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe este campo e coñeceu de primeira man as actividades que se están a desenvolver no mesmo.

O obxectivo é dar a coñecer aos mozos e mozas os diversos aspectos formativos do audiovisual: desde a redacción do guión, ata principios de interpretación, produción e postprodución e rodaxe. Ademais, os voluntarios tamén seguirán algunha das conferencias que se programaron no marco do curso de verán sobre o audiovisual que organiza a Universidade de Vigo en Celanova.

Posteriormente, Rodeiro, xunto coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, desprazouse ata a localidade de Muíños, onde tamén se está a desenvolver un campo de traballo na aldea de Salgueiros, que comezou o 15 de xullo e rematará o próximo día 24. Neste caso, os 20 participantes proceden de Galicia, doutras comunidades autónomas, e de Rusia, República Checa, Francia, Italia e Turquía.

A temática deste campo é medioambiental e as súas metas fundamentais son axudar á rexeneración do contorno queimado, limpar e preparar as antigas eiras onde se traballaba co centeo, acondicionar o forno e o muíño e abrir un itinerario guiado para explicar a antiga vida da aldea e os seus recursos.

A localidade de Muíños está a acoller tamén a primeira quenda do campamento xuvenil que ten lugar no complexo turístico deportivo do Corgo. Por esta instalación pasarán 100 mozos e mozas de entre 13 e 16 anos, que contarán con actividades de deportes acuáticos no encoro, como piragua, remo ou vela lixeira.

Estas tres iniciativas –os dous campos de traballo e o campamento- forman parte da Campaña de Verán organizada pola Consellería de Traballo e Benestar. Este ano, na provincia de Ourense ofértanse un total de 805 prazas, 20 máis que o anterior, para que mozos e mozas de entre 9 e 30 anos participen nestas actividades.

En Ourense participan nesta iniciativa as instalacións de O Corgo en Muíños; o centro de educación ambiental Equal en Coles; o albergue Vilar de Ordelles en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda; e a residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense. A maiores, hai campos de traballo en A Peroxa, Celanova, Muíños, Vilar de Barrios e Riós.

En total, en Galicia a oferta da campaña ascende a 8.268 prazas, un 2,7 por cento máis que o ano anterior. O departamento autonómico inviste nesta iniciativa case 2,3 millóns de euros nesta campaña, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na campaña inclúense campamentos xuvenís para menores 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

21 de xullo de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.