publicidade hoxe

O tudense Rubén Rodríguez proclámase subcampión do Open de España de enduro BTT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+
Rubén Rodríguez no podio

Rubén Rodríguez no podio

Rubén Rodríguez finaliza o Open de España de enduro BTT en segunda posición. O corredor tudense foi primeiro na última carreira celebrada na serra madrileña, na localidade de Cercedilla.

A esta proba chegou sen moitas expectativas, despois da caída sufrida na carreira de Castejón de Sos, que lle provocou rotura de costelas: “Empecei a coller a bici esta semana despois da lesión, e limiteime moito nos adestramentos para non facerme dano”, comentaba Rubén ao termo da proba.

Pero o tudense fixo uns tempos espectaculares na carreira que o alzaron até esa primeira posición, e que conseguiron elevalo até o segundo posto da xeral, como subcampión do Open de España de enduro BTT. Rubén contábanos que “ao comezo da carreira collín confianza e saíu todo perfecto. Sentín moi cómodo na bici e aínda que non contaba con estar no pódium, a verdade que é unha alegría terminar a tempada así”.

O vigués Tony Pérez pola súa banda, nesta última carreira do campionato en Cercedilla, ocupou o oitavo posto despois dun problema técnico coa bicicleta. Pero na clasificación xeral do Open quedou de quinto e alcanzou a primeira posición na categoría Master 30.

A carreira deste fin de semana desenvolveuse nunha das zonas máis divertidas e de maior acollida para os amantes do enduro. Os corredores tomaron a saída ás 08:00 horas da mañá do domingo, desde o paddock situado no centro de Cercedilla, para coller rumbo cara ao Val da Fuenfría, en concreto á Vereda Alta, onde era o inicio do primeiro tramo cronometrado da proba. O segundo dos tramos transcorreu pola Cancha e Os Miradoiros, o terceiro pola chamada Vereda de Enmedio e o cuarto finalizou na Fábrica da Luz.

En total foron 4 tramos cronometrados cun funcionamento moi similar aos rallyes de coches, con tramos de enlace nos que non conta o tempo, pero onde si é necesario que os corredores cumpran cos tempos marcados. Neses 31 quilómetros cronometrados os riders tiveron que combinar rapidez e destreza, xa que se atoparon con zonas moi rápidas e outras máis técnicas con rocas e raíces.

BIG RIDE chegou á serra de Madrid tras correr nas mellores zonas de enduro do país, desde o terreo máis mediterráneo do pobo malagueño de Ojén até a montaña atlántica, a chamada “selva de Tui”, facendo unha parada no pirineo aragonés e agora foi a quenda da montaña na zona centro do país.

27 de xullo de 2014 | 23:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.