publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O novo centro de saúde das Somozas contou cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs SomozasLocal Portada
A-
A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que o novo centro de saúde das Somozas salda unha débeda de Galicia con este Concello e é froito dun compromiso coa sanidade pública que o Goberno galego mantén inalterable a pesar da crise económica. Na visita que esta mañá realizou ao novo ambulatorio do municipio coruñés, asegurou este representa “unha demostración de vontade e de compromiso” coa mellor prestación sanitaria por riba de todos os atrancos.

A ese respecto, o mandatario autonómico lembrou que a posta en marcha do centro de saúde pon fin a unha etapa desafortunada que comezou hai máis dunha década, cando unha avaría deixou inutilizado o antigo ambulatorio e se trasladou a asistencia sanitaria aos sotos dun edificio municipal. Posteriormente, a quebra da empresa adxudicataria das obras da nova infraestrutura deixou o proceso nunha situación de bloqueo administrativo e o mantivo paralizado durante un tempo.

“A pesar de todo –manifestou- nin o Goberno galego nin o Concello das Somozas caemos nunca na resignación nin demos un paso atrás na determinación de chegar á meta que hoxe acadamos”. E, engadiu que, en materia de sanidade, para a Xunta non existen concellos pequenos ou grandes, senón “cidadáns iguais cun idéntico dereito a recibir unha asistencia sanitaria de calidade”.

Por ese motivo, explicou Feijóo que o Goberno autonómico iniciou un novo proceso de licitación, concluíu o edificio e o equipou, de forma que agora é posible, por fin, que Galicia salde “a débeda pendente coa sanidade das Somozas”.

Trátase, concretou, dun investimento de algo máis de 1,2 millóns de euros nun centro de saúde que dará servizo a preto de 1.100 usuarios do Concello, que comezarán a sentir as vantaxes de recibir asistencia sanitaria nun espazo creado especificamente para ese fin. Así, o presidente da Xunta indicou que é un edificio con dous andares e preto de 800 metros cadrados de superficie que consta de dúas consultas de medicina xeral, unha consulta de enfermaría, unha consulta de pediatría, unha sala da muller, unha sala de educación sanitaria e unha consulta de urxencias na que se realizarán probas diagnósticas.

O titular do Executivo galego detallou que neste espazo se ofrecerá unha ampla carteira de servizos que inclúe a atención aos pacientes crónicos, a asistencia domiciliaria, a consulta telefónica e, desde o vindeiro mes de setembro, o cribado de cancro colorrectal que, engadiu, “está a demostrar a súa eficacia como vía de detección precoz desta enfermidade nas áreas nas que se leva implantado”. Segundo apuntou, todo isto se levará a cabo empregando as ferramentas coas que o Servizo Galego de Saúde aproveita o potencial das novas tecnoloxías da información e da comunicación, isto é: a plataforma IANUS de acceso á historia clínica electrónica, a e-receita ou a petición electrónica do laboratorio.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo afirmou que a apertura deste centro de saúde supón “un salto cualitativo” na prestación da asistencia sanitaria nas Somozas, e indicou que, pese a producirse no contexto do inicio da recuperación económica, sería equívoco relacionar ambos os dous feitos. “A entrada en funcionamento desta infraestrutura non é froito dunha mellora do contexto económico, é resultado dun compromiso co progreso da sanidade pública que se mantivo inalterable durante a crise”, subliñou.

Máis e mellores infraestruturas sanitarias pese á crise

Consonte afirmou, só así pode explicarse que nestes anos de severas restricións orzamentarias, e en contraste co acontecido noutras autonomías, en Galicia concluímos e equipamos o Hospital público de Lugo; ampliamos o Complexo Hospitalario da Coruña cun servizo de urxencias que multiplica por catro a superficie anterior; estamos a concluír en Vigo o maior hospital público de España; construímos o novo edificio de hospitalización en Ourense; licitamos a reforma e ampliación do Hospital do Salnés; e aprobamos, este mesmo mes, o proxecto de ampliación do Hospital da Costa na Mariña lucense.

O presidente da Xunta salientou que a mellora das infraestruturas sanitarias chega tamén ao escalón máis básico da asistencia, a atención primaria, de xeito que desde 2009 a Xunta construíu ou reformou 36 centros de saúde, e ten o compromiso de construír 15 máis nesta lexislatura, un obxectivo no que se avanza coa licitación xa de 12 ambulatorios.

Feijóo recoñeceu tamén o compromiso dos profesionais da sanidade coa mellora do sistema, que fai posible ter máis recursos para dedicar ao máis importante, modernizar e axilizar os procesos e mellorar os tempos de atención aos pacientes. A ese respecto sinalou que non só se melloraron os prazos de espera cirúrxica e de consulta, senón que, ademais, en ambos os dous parámetros, Galicia conseguiu o ano pasado mellores datos que a media das autonomías.

18 de xullo de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.