publicidade hoxe

O Ministerio de Cultura concede 20.000 euros para a celebración do 30 Festival Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Ministerio de Cultura, a través do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, acaba de conceder ao 30 Festival Ortigueira unha axuda de 20.000 euros. Esta subvención destinarase a sufragar parte dos gastos derivados da celebración da próxima edición da cita folk, que terá lugar entre o xoves e o domingo da semana que vén.

A pesar do momento de axustes que se está vivindo, o goberno de Rafael Girón logrou dobrar o apoio económico que recibirá do INAEM, organismo dependente da carteira Cultura, para sufragar unha parte dos gastos derivados da organización da trixésima edición da cita folk.

Entre os criterios valorados polo INAEM para conceder a axuda, destaca a traxectoria do evento ortegano, a súa destacada proxección nacional e internacional- cabe lembrar que está declarado Festa de Interese Turístico Internacional- a calidade da súa programación artística, que terá como cabezas de cartel en 2014 a dúas bandas míticas, The Chieftains e Milladoiro, ou a súa contribución ao impulso da música tradicional de Galicia.

O multitudinario certame musical, nacido alá polo ano 1978, e organizado desde hai anos polo Concello de Ortigueira, coa colaboración de Deputación da Coruña, Turismo de Galicia, AGADIC, Gadis, Coca Cola, o Ministerio de Cultura e TVG, é, neste momento, un do tres escaparates de referencia da música celta en Europa, xunto ao Celtic Connections de Glasgow e o Festival de Lorient, contribuíndo especialmente a promocionar e proxectar a música de raíz feita en Galicia, ademais de apoiar aos novos creadores do folk do estado a través do Proxecto Runas.

 

11 de xullo de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.