publicidade hoxe

O Inorde aproba a convocatoria para realizar accións de promoción de produtos ourensáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A comisión executiva do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), presidida polo seu titular, Manuel Baltar, aprobou na súa reunión de hoxe as bases reguladoras da convocatoria de concurso público para concesión de subvencións a concellos para a realización de accións de promoción de produtos ourensáns correspondentes ao exercicio 2014. O obxecto das bases é regular a tramitación e concesión, por parte do Inorde, mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, de subvencións para o financiamento de accións de promoción de produtos propios de Ourense realizadas por concellos da provincia de Ourense ao longo deste ano.

Consideraranse accións de promoción todas aquelas que teñan como finalidade a difusión e posta en valor de produtos propios da provincia de Ourense dos ámbitos agrícola, gandeiro, forestal, mineiro ou artesanal que sexan característicos da provincia de Ourense ou dalgunha das súas comarcas ou municipios e cuxa produción non poida ser obxecto de deslocalización.

A condición de produto característico presumirase en todos aqueles que estean amparados por unha denominación de orixe, así como naqueloutros nos que, carecendo do dito recoñecemento oficial, concorra a circunstancia dun uso público e continuado da localización xeográfica do seu lugar de produción ou dunha denominación específica vinculada á dita localización, como medio de identificación do produto no mercado. Igualmente, consideraranse produtos propios da provincia as especialidades gastronómicas propias dunha comarca ou municipio, aínda que na súa elaboración se utilicen produtos procedentes doutros territorios.

Cada concello interesado presentará un único proxecto relativo a unha acción ou conxunto de accións promocionais dun ou varios produtos propios. Non se admitirá a presentación de máis dun proxecto, e só poderán ser obxecto de subvención os proxectos cuxo orzamento sexa, como mínimo, de 6.000 euros.

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Ourense. A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 70.000 euros, e ningún beneficiario poderá obter, ó abeiro desta convocatoria, subvencións por importe superior a 12.000 €.

As solicitudes, subscritas polo representante legal da entidade interesada, irán dirixidas á Presidencia do Inorde, mediante a presentación no rexistro xeral desta entidade ou a través de calquera outro medio dos previstos no artigo 38.4 da Lei do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o prazo improrrogable de presentación rematará o día 5 de setembro de 2014.

21 de xullo de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.