publicidade hoxe

O impulso do rural érguese como principal inquietude na xuntanza participativa de Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLugo
A-
A+

“Hai xente que quere vivir no rural e non encontra a forma”. “O Estado gasta moitos cartos en formar ós mozos, e despois teñen que facer a súa carreira profesional noutros lugares de España ou de Europa”. Estas dúas sentencias resumen unha da principais inquietudes expresadas polos veciños na xuntanza convocada onte en Chantada pola Deputación de Lugo para elaborar os orzamentos participativos do 2015: o impulso do medio rural con políticas de emprego e económicas que contribúan á recuperación demográfica. 

Máis de 100 persoas dos sete concellos deste partido xudicial –Chantada, Taboada, Carballedo, Monterroso, Antas de Ulla, Palas de Rei e Portomarín- encheron a Casa Sindical da vila chantadina nunha asemblea con outras propostas, como reformular o funcionamento do servizo provincial de catamaráns, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou a mellora de infraestruturas como a estrada que une Chantada e Antas. Entre os asistentes, houbo parabéns á Deputación por esta iniciativa, que permite “por primeira vez falar á xente de a pé, algo que ata o de agora non se permitira”.
 
O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda e de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Pilar García Porto e Álvaro Santos, respectivamente, conduciron a asemblea, que arrancou cunha explicación sobre en que  consisten os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos.

Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda), e fixo un balance sobre a relación da Deputación co partido xudicial de Chantada, destacando o pago de 11 millóns de euros do canon hidroeléctrico, dos que case 5 lle corresponderon ó municipio chantadino, un orzamento co que se acometeron importantes obras, como a ampliación do polígono industrial ou o auditorio.
Os veciños toman a palabra
Tras esta exposición inicial, os asistentes tomaron a palabra para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que detectan nos seus concellos e pobos. O apoio ó medio rural a través da creación de emprego, sobre todo xuvenil, e de políticas económicas que faciliten o máximo posible o empredemento de novas actividades empresariais foi un dos eixos en torno ó que xiraron a vintena de intervencións que tiveron lugar, todo para loitar contra a grave crise demográfica que sofren fundamentalmente o interior de Lugo e Ourense.

Neste senso, tanto o Presidente, como os deputados de Economía e Cooperación cos Concellos, subliñaron que o apoio ó rural e o despoboamento son prioridades fundamentais para a Deputación dende o ano 2007, o que se materializa en iniciativas de calado, como o primeiro centro público de recría de gando en España que constrúe en solitario o organismo provincial na Granxa Gayoso Castro; o plan de emprego Fórmate en Verde, que deu formación e asesoramento individualizado para fomentar as explotacións de gandería e agricultura ecolóxica, e a xestión forestal sostible;  ou a construción dunha rede de pequenas residencias e centros de día públicos no rural. Gómez Besteiro subliñou así mesmo que a Deputación de Lugo foi a primeira administración pública en dar a voz de alarma no ano 2010 sobre a sangría demográfica e que as políticas para combatila son “unha responsabilidade compartida entre todas as administracións, concellos, deputacións, Xunta, Estado e Unión Europea”.  

O turismo centrou outras propostas, dirixidas a reformular o funcionamento do servizo provincial de catamaráns para “melloralo e modernizalo”. Tamén reclamaron a eliminación de barreiras arquitectónicas, sobre todo na propia vila chantadina; e o arranxo de infraestruturas viais: a estrada de Chantada a Antas; eliminar unha curva da estrada que pasa xunto ó campo de fútbol de Chantada; continuar coa mellora da de Alto Valiño a Valdeporrás, e arranxar varias pistas, tamén en Portomarín.
 
Quedou patente así mesmo, ó igual que nas xuntanzas participativas celebradas xa na Fonsagrada e Viveiro, a fonda preocupación dos veciños polas dificultades que supón a nova Lei de Montes para a xestión dos montes comunais. O Deputado de Cooperación, consciente da grave situación, sinalou que dende a institución luguesa “estamos estudiando botar unha man á xente ofrecéndolles asesoría gratuíta”.

Ante o interese dos asistentes, o Presidente avanzou na asemblea que a dotación de mobiliario e equipamento ó auditorio, que a Deputación construíu con case 1 millón de euros, estará lista despois do verán. Os veciños pediron máis axudas para os colectivos culturais en xeral, e corais, en particular.

Con respecto á petición de axudas realizada para ampliar traídas de auga ou o acondicionamento dun aparcadoiro público, Álvaro Santos lembrou que a Deputación ten aberta unha liña de subvencións precisamente destinadas a este tipo de actuacións, invitando ós veciños a solicitadas. O prazo remata o 2 de agosto.

As tres áreas prioritarias

Concluída a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Fomento do emprego, cun 28%; Infraestruturas, cun 22%, e Políticas Sociais, cun 16%, foron as áreas que os veciños sinalaron como prioritarias na asemblea de Chantada.

Próxima cita, en Vilalba

Tras o encontro de onte, a vindeira xuntanza participativa terá lugar o martes en Vilalba, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura. Continuarán en Sarria o 17; en Monforte o 22; en Becerreá o 29; en Mondoñedo o 30; e en Lugo o 31.   

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outras dúas vías: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org, na que tamén pode encontrarse toda a información sobre o proceso; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.

11 de xullo de 2014 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.