publicidade hoxe

O goberno galego insta a extremar a precaución tras o accidente da A-8

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbadínLugo
A-
A+
Europa Press

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, chamou este luns a condutores e responsables da vía, tras a colisión múltiple rexistrada o sábado no tramo da A-8 que discorre pola localidade lucense de Abadín, a “extremar as medidas de precaución” para evitar que sinistros deste tipo volvan producirse.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, antes de remarcar en que cada vez que se produce un accidente é “motivo de preocupación” para a Xunta. Neste caso, advertiu que as condicións meteorolóxicas “eran case extremas”.

“Pero loxicamente canto máis se extremen as medidas de precaución, por suposto, por parte dos condutores e tamén dos responsables da vía, será unha seguridade de todos”, destacou o vicepresidente.

Polo momento, o tramo da A-8 no que se rexistrou o accidente –que tivo como resultado unha vítima mortal e decenas de feridos– permanece pechado ao tráfico mentres os servizos de emerxencias continúan traballando na vía.

Segundo apuntou a Garda Civil, os efectivos aínda traballan no tramo no que se produciu o sinistro, retirando restos de vehículos da calzada, limpando a zona e repondo varanda e balizas danados.

Así, a circulación permanece cortada no tramo anterior e posterior ao quilómetro 148,9, onde se iniciou o sinistro. Mentres tanto, a Garda Civil desvía o tráfico a través da estrada N-634.

No accidente, ocorrido na mañá do sábado, víronse implicados preto de medio centenar de vehículos que chocaron por mor da escasa visibilidade provocada pola néboa.

28 de xullo de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.