publicidade hoxe

O Concello de Ortigueira habilita en Loiba o seu terceiro punto de información ao visitante

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira pon en marcha a caseta de turismo da parroquia de Loiba. A Concellaría de Cultura e Turismo completa deste xeito a rede municipal de equipamentos ao servizo do visitante, apostando por descentralizar a oferta, facilitando así ao máximo o acceso á información sobre os principais recursos e elementos de interese da localidade. A oficina terá ademais a misión de promocionar a área de autocaravanas da zona.

Conforme ao prometido polo alcalde Rafael Girón, a parroquia contará por cuarto ano consecutivo cun punto de información turística no espazo de uso público habilitado na confluencia da estrada xeral e o viario de acceso á feira.

A caseta, pensada para recibir a quen entre no municipio procedentes de Mañón e da costa lucense, disporá de persoal durante o período álxido da tempada estival (até o 30 de agosto), para atender e resolver as dúbidas que expoñan os turistas, ofrecéndolles ademais toda a información que precisen.

A apertura en Loiba da caseta, que funcionará de luns a sábado de 11 a 14 horas, contribuirá a dar a coñecer o concello, publicitar a oferta de hostaleira e de lecer existente e facilitará a parada de visitantes nunha parroquia que dispón unha zona litoral privilexiada, de especial interese desde o punto de vista ambiental e turístico.

Reforzo na tempada alta

A posta en funcionamento da caseta de Loiba completa as infraestruturas de información turística presencial xestionadas pola Concellaría de Cultura e Turismo. E é que, coincidindo coa tempada alta, o departamento municipal reforza o labor do Centro de Recepción de Visitantes, que funciona durante todo o ano no Porto de Ortigueira, coa apertura tamén ao público da antiga oficina de turismo da Lagarea.

En definitiva, o concello ortegano aposta por con esta medida de aumentar as súas ferramentas para captar ao visitante e garante ao turista a posibilidade de acceder a diario a unha información presencial completa sobre os recursos turísticos da localidade, máis aló da que serve a web municipal www.turismoortigueira.com e, por suposto, da que ofrece a través da súa Oficina de Turismo Virtual, accesible a través de móbiles de última xeración, recentemente habilitada ao amparo dun proxecto global da Asociación Vilas Mariñeiras.

22 de xullo de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.