publicidade hoxe

O colexio de Tarrío gaña o certame de teatro Candilejas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

Desbordando ilusión preparan os alumnos, de 5º e 6º de Primaria do CEIP Tarrío, a súa gran estrea hoxe no Teatro Colón da Coruña. Son os gañadores do Certame de Teatro Candilejas Don Bosco, en categoría infantil, e por iso desde as 20.30 horas de hoxe presentarán a obra gañadora: “O gato con botas”.

E non é o único galardón que obtiveron neste certame que contaba cun centenar de propostas. Vitoria Cabada Piñeiro, a alumna que interpreta ao gato, obtivo o premio á mellor actriz.

Un total de 22 nenos e nenas conforman este grupo de teatro. Espremen o tempo de clase ou recreos para ensaiar e preparar a súa obra, na que levan traballando todo o ano. Así o explica Xosé Manuel Alonso, profesor que dirixe ao grupo.

O docente resalta os valores que adquiren os escolares co seu traballo e dedicación ao teatro. Especialmente a “motivación coa que preparan cada detalle”, sinala, ou o “traballo en equipo”.

Alonso destaca que con este labor aspira a que a algún dos nenos “lle entre a espiral” das artes escénicas e no futuro poida continuar coa vocación. E revela que algún alumno de anos anteriores fixo unha pequena carreira no teatro.

O Concello de Culleredo estará tamén hoxe presente na estrea de “O gato con botas”. A concelleira de Educación, Carmen Varela, quere felicitar aos nenos polo “excelente traballo” realizado e destacar o “orgullo” da corporación polo mérito dos seus pequenos veciños.

1 de xullo de 2014 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.