publicidade hoxe

O Club Rápido de Bouzas cumpre cen anos ao servizo do fútbol galego e dos valores deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Lete Lasa na presentación do centenario do Rápido de Bouzas

Lete Lasa na presentación do centenario do Rápido de Bouzas

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, felicitou a todos os membros do Club Rápido de Bouzas por acadar este ano o centenario da súa creación cheo de boa saúde e puxanza, traballando como desde os seus inicios en beneficio do fútbol galego e dos valores do deporte, e contando na tempada 2013-14 cun total de 23 equipos nas diversas categorías, desde minis e prebenxamíns ata xuvenís e séniors, o que supón unha cifra récord na historia da entidade.

Lete Lasa participou esta mañá en Vigo no acto de presentación do Trofeo Xunta de Galicia e Trofeo Consorcio Zona Franca de Vigo, dedicados ao centenario do Club Rápido de Bouzas, e que terán lugar os días 26 e 29 de xullo respectivamente.

Na súa intervención o secretario xeral gabou a regularidade e os logros do club na competición deportiva, manténdose de xeito ininterrompido desde 1999-2000 na Terceira División da Liga Española de Fútbol, da que foi campión no ano 2004, ademais de obter outros títulos recentes como o Campionato de Galicia da Copa de España no 2012-2013.

Así mesmo, subliñou o alto apoio social do segundo club máis antigo de Galicia -logo do R.C. Deportivo de A Coruña-. O titular de deportes da Xunta asegurou que o club “forma parte indisociable do barrio de Bouzas, o corazón mariñeiro de Vigo, que non só é sinónimo e berce da industria pesqueira, conserveira e naval de Galicia, senón tamén do fútbol galego”, e neste sentido lembrou que polo Club Rápido de Bouzas pasaron un bo número de xogadores que acadaron a elite do fútbol español, no pasado e no presente.

Lete Lasa agradeceu o traballo dos responsables do club, “que están a demostrar que o deporte, neste caso o fútbol, é unha inmellorable ferramenta de cohesión social, de compañeirismo, espírito de sacrificio e superación” e animounos a seguir nesta tarefa, promovendo a formación en valores, os hábitos de actividade física e de vida saudable, e o desenvolvemento do sector deportivo galego como fonte de progreso social e económico. “Nesta tarefa os clubs deportivos galegos terán sempre o apoio da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta”, engadiu.

Trofeos do Centenario

O Trofeo Xunta de Galicia disputarano os primeiros equipos do Club Deportivo Lugo e do Rápido de Bouzas o sábado 26 de xullo ás 19:00 horas no campo municipal de Bouzas-Baltasar Pujales.

No Trofeo Consorcio Zona Franca de Vigo o Rápido de Bouzas enfrontarase co primeiro equipo do Celta de Vigo no campo municipal de Barreiro, o martes 29 de xullo ás 19:00 horas. O centenario club da antiga vila de Bouzas prevé estrear o seu novo equipamento neste encontro.

22 de xullo de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.