publicidade hoxe

O campamento Tecnópole potencia o talento dos mozos galegos e a creatividade dos participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Conde na visita ao campamento Tecnópole

Conde na visita ao campamento Tecnópole

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o importante papel que desenvolven as Aulas Tecnópole na potenciación do talento dos rapaces e rapazas galegas, e subliñou a creatividade dos 30 participantes no campamento Tecnópole, que tal e como destacou, fomenta a innovación e o espírito emprendedor que está a impulsar a Consellería de Economía e Industria.

O conselleiro participou nalgún dos experimentos do único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia, que remata hoxe e que se desenvolveu durante dúas semanas no Parque Tecnolóxico de Galicia, permitíndolle aos participantes, de entre 12 e 18 anos, experimentar das maneiras máis divertidas para adquirir competencias e habilidades tecnolóxicas.

Entre outras actividades, os rapaces puideron construír foguetes impulsados por auga e pirámides con espaguettis, e programaron robots. A formación incluíu nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, a feira científica que organiza Tecnópole no mes de novembro.

Os obxectivos deste campamento tecnolóxico consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público, etc.

Este ano intensificouse a práctica do inglés, coa presenza dun profesor nativo que acompañou aos alumnos e alumnas todos os días durante as comidas e en varios talleres e actividades. Fomentouse a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicaron tamén actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.

As aptitudes comunicativas e a expresión corporal tiveron un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, recibiron educación ambiental e aprenderon hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.

11 de xullo de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.