publicidade hoxe

O alcalde de Cervo urxe novos accesos ao polígono de Cuíña tras o último accidente dun camión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLugoSucesos
A-
A+
Accidente dun camión en Cervo

Accidente dun camión en Cervo

O Concello de Cervo insiste de novo na urxencia de que a Deputación constrúa os accesos ao polígono de Cuíña, aínda que neste caso “tendo que lamentar danos persoais”, tal e como explica o alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Esta madrugada o condutor dun camión de grande tonelaxe resultou ferido e tivo que ser hospitalizado despois de que o vehículo envorcase e quedase tirado sobre a estrada.

O sinistro produciuse nunha estrada rural da parroquia de Cuíña, por onde circulaba o camión, perdido, buscando o polígono industrial, a falta dos accesos reclamados dende o Concello de Cervo nos últimos 8 anos, dende a entrada do goberno bipartito na Deputación. “Xa está ben de que o Goberno Provincial faga oídos xordos a unha necesidade coma esta”, asegura o rexedor.

Por seguridade

Villares achegouse ata o lugar dos feitos acompañado do concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto e de efectivos do GES. Da mesma maneira, manifestou o seu pesar “porque a irresponsabilidade do Goberno Provincial ten consecuencias graves para as persoas”. “Non falamos só de construír unha estrada, falamos de algo tan importante como a seguridade, para os condutores e para os veciños dos lugares polos que pasan os camións”, engade o mandatario cervense.

Por iso, Villares pregúntase: “Ten que pasar algo moito máis grave para que a Deputación reaccione e constrúa os accesos ao polígono de Cuíña?”. Este é o cuarto camión que se perde polos camiños de Cuíña na procura do parque empresarial nas últimas semanas, tal e como aseguran os veciños, que axudan aos camioneiros a manobrar e a atopar unha alternativa para chegar ao polígono.

Pero ademais, esta situación repítese constantemente en San Ciprián, xa que os camións vense obrigados a entrar na vila para chegar ao polígono, e nalgúns casos pérdense rematando en zonas como o porto e provocando tamén problemas de circulación e seguridade.

Os GES traballan dende onte para na zona. En primeiro lugar atendendo ao ferido e despois sinalizando o lugar do accidente así como controlando a fuga de gasóleo que se produciu tras o accidente.

29 de xullo de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.