publicidade hoxe

Nova sesión das Xornadas de Teatro Internacional da Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaOurense
A-
A+

A localidade ourensá da Rúa acolle esta noite unha nova sesión das súas V Xornadas de Teatro Internacional, promovidas pola asociación cultural A Ruada co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Concello da Rúa. En representación do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará no acto de apertura desta sesión, que dará comezo ás 21:30 horas no Centro Cultural Avenida.

A noite teatral correrá a cargo da compañía portuguesa Tef Teatro Experimental Flaviense. As xornadas de teatro afeccionado da Rúa desenvolveranse tamén na fin de semana. O sábado día 12, ás 21:30 horas, La Caja de Pandora, de Verín levará a escena a obra ‘Perseguindo un soño’, mentres que o domingo 13 terá lugar a gala de peche. Esta sesión contará, a partir da mesma hora, coas actuacións de Pisabarros de Veigamuiños, coa obra ‘Cincocentos anos e un día’, e mais do grupo de música e baile tradicional Abertal. Finalmente, San Clodio Teatro será o protagonista da derradeira sesión, o sábado 19 de xullo ás 21 horas.

As compañías de teatro afeccionado A Ruada, Gargallada, Xaime Prada, AMBI-COCEMFE, Morea Show, Prodeme, Candea Teatro, TEF Teatro Experimental Flaviense, La Caja de Pandora, Pisabarros e San Clodio Teatro conforman o cartel da quinta edición das xornadas, que botaron a andar o pasado 27 de xuño.

Apoio ao teatro afeccionado

No ámbito da difusión das artes escénicas, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad impulsa o apoio ao teatro afeccionado, liña de actuación na que se enmarca o convenio a través do cal a Consellería de Cultura e Educación vén colaborando coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) para a organización e desenvolvendo do Circuíto Galego de Teatro Amador.

11 de xullo de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.