publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Medio Ambiente suma 650.000 euros para a conservación e protección do contorno dos parques naturais galegos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLobios
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, destacou esta mañá que o departamento que dirixe vén de consignar 650.000 euros para o desenvolvemento e posta en marcha de actividades de conservación e protección do contorno dos parques naturais de Galicia. Así o puxo de manifesto durante unha visita ao Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, o maior parque natural de Galicia con case 30.000 hectáreas, que recibe un 80% dos fondos adxudicados. Durante a visita a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e pola alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez.

Sinalou que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá a adxudicación das axudas para o desenvolvemento de actividades de conservación e protección do entorno dos parques naturais para asociacións e empresas. Engadiu que estas subvencións súmanse ás xa resoltas para os concellos situados en parques naturais e que supoñen 750.000 euros de investimentos. Dende o ano 2010 o Goberno galego destinou case 3,5 millóns de euros ao mantemento dos parques naturais, polo que a consignación destes fondos, nunha etapa marcada polo recorte orzamentario, é unha mostra de que a conservación e a protección é unha prioridade para o Goberno galego.

A conselleira destacou que no caso do Parque do Xurés este esforzo traduciuse en consignar 1,8 millóns do global mobilizado a través das distintas convocatorias dende 2010. A estes investimentos hai que engadir 1,4 millóns de euros desde 2009 investidos polo Goberno en actuacións concretas no Parque Natural nos concellos de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín.

O obxectivo destas axudas é mellorar a paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos, como a limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios, a sinalización de camiños, a creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitante tales como rutas, áreas recreativas, zonas de esparexemento e outras de similar natureza.

Tamén a recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional, a través da protección e restauración de elementos de valor patrimonial nas explotacións (hórreos, milladoiros, cabanas, muros e fontes); a preservación de hábitats ou ecosistemas e a conservación das poboacións de especies protexidas, defensa, restauración e melloras de hábitats. Recuperación de soutos, fragas e outras masas autóctonas arborizadas e a preservación da vexetación de ribera.

Unha última liña de actuación son as axudas para a loita contra a erosión, co establecemento e mantemento de vexetación en zonas de alta pendente en áreas agrícolas degradadas ou incendiadas.

Ethel Vázquez destacou que os traballos de mantemento e conservación axudan a preservar os hábitats, que propician condicións e ambientes para a recuperación e fixación das especies. Nese sentido, sinalou que se rexistra nidificación por primeira vez dende os anos 60 da aguia real, un fito histórico para a súa recuperación. Este feito representa unha grande esperanza para a recuperación desta especie catalogada en perigo de extinción en Galicia e un adianto de catro anos, respecto das previsións de reprodución natural desta especie en perigo de extinción en Galicia.

Durante a visita, a conselleira Ethel Vázquez e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, procederon á solta de dous buxatos, que recibiron tratamentos de recuperación no Centro do Rodicio.

9 de xullo de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.