publicidade hoxe

Marín espera recibir a visita de máis de 20.000 persoas na XX Festa da Cigala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaMarínPontevedra
A-
A+
Presentación da Festa da Cigala

Presentación da Festa da Cigala

A sede viguesa da Deputación acolleu esta mañá a presentación da 20ª edición da Festa da Cigala de Marín, que se desenvolverá os próximos días 25, 26 e 27 de xullo nunha carpa instalada na praza do Regueiro, en Cantodarea, xusto á entrada do porto marinense.

O municipio espera a visita de preto de 20.000 persoas durante os días da celebración, tendo en conta o carácter internacional do certame, a gran afluencia de público chegado desde Portugal e a boa acollida que ten entre os turistas esta celebración gastronómica, na que está previsto despachar máis de 1.000 quilos do prezado crustáceo das Rías Baixas.

A deputada provincial Marta Igrexas destacou durante o acto celebrado en Vigo o carácter internacional desta festa e a súa contribución á economía na comarca marinense. Na súa opinión, o apoio do organismo provincial a este tipo de actos favorece a sectores como a hostalaría e o turismo, ademais de manter o arraigamento de tradicións gastronómicas e populares nalgúns casos centenarias.

Pola súa banda, o presidente da Orde da Cigala de Marín, Antonio Reguera, eloxiou a calidade do produto e sinalou os prezos alcanzables que se atoparán quen asistan á festa. As distintas preparacións, tanto en empanada como en arroz caldoso, carne ó caldeiro, torta de Santiago ou salpicón, contarán cuns prezos que oscilarán desde os tres euros da empanada de trigo até os 15 das racións de cigala á prancha ou ao ajillo

Enrique Rodríguez, presidente adxunto da Orde da Cigala, lembrou a variedade gastronómica que ofrece este crustáceo e a súa constante evolución na gastronomía galega. Así mesmo, lembrou que nesta edición contarase coa presenza dunha delegada da Embaixada de China, con motivo da celebración do 40 aniversario da instauración das relacións comerciais entre España e China.

Con esta celebración, que se desenvolve desde fai 20 anos en Marín, a Festa Nacional da Cigala, organizada pola Asociación de comerciantes e industriais de Marín, preténdese promocionar e exaltar este crustáceo tan apreciado e representativo da gastronomía galega.

O programa deste ano dedica o primeiro día, 25, aos homes do mar de Marín e de Matosinhos. A segunda xornada está dedicada á mencionada localidade do norte de Portugal coa actuación de distintas agrupacións folclóricas do país veciño, así como degustacións gastronómicas. Na última xornada, o día 27, a festa dedicarase á terceira idade, as amas de casa e os consumidores.

22 de xullo de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.