publicidade hoxe

Máis de cen persoas participan na xuntanza de Vilalba, co emprego e o despoboamento do rural no centro das propostas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoVilalba
A-
A+

As xuntanzas cos veciños que está a organizar a Deputación de Lugo por toda a provincia para elaborar os primeiros orzamentos participativos dun organismo provincial en España manteñen un elevado poder de convocatoria. Máis de cen persoas asistiron á asemblea celebrada onte na Casa da Cultura de Vilalba, na que o emprego; a dotación de servizos, como residencias da terceira idade, para frear o despoboamento no rural; e a mellora de infraestruturas centraron as propostas. A promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño nas rutas do Camiño de Santiago foi outras das proposicións nun encontro no que os veciños reiteraron o seu descontento e preocupación polas grandes limitacións que implica a Lei de Montes.

Ante o interese dos asistentes, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que despois do verán a Deputación prevé licitar obras de mellora na estrada provincial de Vilalba a Momán, destacanda súa importancia por ser unha infraestrutura que comunica as provincias de Lugo e A Coruña.

A asemblea de Vilalba foi a que contou ata o momento cunha maior implicación do tecido asociativo, pois acudiron representantes dunha trintena de colectivos do partido xudicial. Nas intervencións, houbo un bo número de agradecementos á Deputación por impulsar este exercizo de transparencia e “dar a cara”.

O Presidente e os deputados de Economía, Recadación e Facenda e de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Pilar García Porto e Álvaro Santos, respectivamente, conduciron a asemblea, que arrancou cunha explicación sobre en que consisten os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos.

Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda), e fixo un balance sobre a relación da Deputación co partido xudicial de Vilalba, onde o organismo provincial investiu uns 3 millóns de euros nos últimos tres anos.

Os veciños toman a palabra

Tras esta exposición inicial, os asistentes tomaron a palabra para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que detectan nos seus concellos e pobos. Os veciños pediron políticas para crear emprego e frear o despoboamento, sobre todo no rural, coa dotación de servizos como residencias da terceira idadade. Neste senso, Gómez Besteiro explicou que a Deputación de Lugo ten un forte compromiso na loita contra o desemprego e  a caída demográfica. De feito, dende o 2007 impulsou ata doce liñas de insercióin laboral e foi a primeira administración pública en dar a voz de alarma no ano 2010 sobre o vertixinoso descenso de habitantes, engadindo que as políticas para combatilo son “unha responsabilidade compartida entre todas as administracións”, concellos, deputacións, Xunta, Estado e Unión Europea.

Con respecto á creación de residencias, o Presidente explicou que a Deputación aposta por pequenos centros públicos situados nos centros de poboación porque así contan con todos os servizos. O organismo provincnial está aberto non obstante ó diálogo, sempre e cando se trate de propostas firmes e serias.

Os asistentes propuxeron a promoción da Reserva Terras do Miño vinculada ós camiños de Santiago e reclamaron tamén melloras nas infraestruturas. O Presidente avanzou a licitación despois do verán de melloras na estrada provincial Vilalba-Momán. En canto á de As Pontes-Momán, explicou que a vía é competencia de dúas administracións –as deputacións de Lugo e A Coruña- e que se valorará a súa mellora, ó igual que a proposta doutro veciño de presionar ás institucións para actuar na de Momán-Cabreiros.

Como xa ocorreu en todas as xuntanzas participativas celebradas, en Vilalba os veciños reiteraron a súa fonda inquietude polas grandes limitacións que provoca a Lei de Montes para a xestión das propiedades privadas e comunais. O Deputado de Cooperación indicou neste senso que a solución é cambiar a Lei, algo que depende en exclusiva da Xunta.

Axudas a asociacións

Por outra banda, os veciños interesáronse polas axudas existentes para as asociacións en xeral, e para a dotación ou mellora de locais sociais e redes de saneamento, en particular. Besteiro e Álvaro Santos sinalaron neste punto que a Deputación ten aberta agora mesmo unha liña de axudas destinadas á mellora ou dotación de infraestruturas de uso comunitario, entre outras, arranxo e sinalización de camiños públicos de acceso a explotacións, terras, camiños forestais e núcleos rurais, fontes, prazas públicas, bebedoiros de uso común, depósitos contra incendios, sistemas de regadío ou limpeza de rutas de sendeirismo e sendeiros. O máximo por beneficiario será de 12.000 euros. Poden pedilas ata o 2 de agosto asociacións de veciños e entidades veciñais sen ánimo de lucro, comunidades de montes, agrupacións de gandeiros e agricultores, ou de produtores forestais, e colectivos de usuarios.

Emprego, a área prioritaria

Concluída a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Fomento do emprego, cun 48%, foi con diferencia a área prioritaria que marcaron os veciños, seguido de infraestruturas, cun 25%, e xa a moita distancia coidado do medio ambiente, cun 6%.
 
Próxima cita, en Sarria

Tras o encontro de onte, a vindeira xuntanza participativa terá lugar mañá mesmo en Sarria, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura. Está dirixida a maiores de 16 anos empadronados no propio municipio sarriano e nos do Incio, Láncara, Paradela, O Páramo e Samos. As asembleas continuarán en Monforte o día 22; en Becerreá o 29; en Mondoñedo o 30; e en Lugo o día 31.   

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer xa e ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de se se teñen celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.

16 de xullo de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.