publicidade hoxe

Máis de catrocentos veciños participaron no Día do Neno de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Máis dun catrocentos veciños e veciñas participaron no Día do Neno, organizado polo Concello de Frades e que tivo lugar na piscina municipal de Papucín na tarde/noite deste sábado. O tempo acompañou durante toda a tarde, o que animou a moitas familias a achegárense ata a piscina municipal.

A calor fixo que os inchables acuáticos fosen un ano máis os máis demandados, así como os divertidos xogos populares de “Obradoiro de xogos”, dispostos a carón da cafetería da piscina e á sombra, polo que foron un refuxio tanto para os pequenos coma para os seus pais e nais. Sobre todos os xogos dispoñibles sobresaíu un: a pesca de patiños de goma, que en todo momento contou con intrépidos “pescadores” que competían por ver quen sumaba o maior número de puntos (pois cada patiño levaba oculto un número).

Os máis pequenos disfrutaban doutra das novidades deste ano: a piscina para bebés, de xeito que puideron refrescárense dun xeito totalmente seguro e xogando con outros cativos da súa idade. De entre os catro inchables de terra dispoñibles, o máis concorrido foi o barco pirata, sobre todo nas dúas primeiras horas da festa.

Actuación e bocata

Segundo foi pasando o tempo, os cativos foron derivando a súa atención tanto á piscina como aos xogos tradicionais e aos percorridos do tren turístico, ata que ás 17.30 horas tivo lugar unha actuación de acróbatas no xardín da piscina que reuniu a máis dun cento de persoas. Outros tantos estaban neses intres con outra das novidades mellor recibidas da xornada: o obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia na que os rapaces coñeceron as vantaxes das conservas do mar e tiveron a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas totalmente de balde. O Concello de Frades puxo as augas.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, pecharon a festa pasadas as nove da noite coa entrega dunhas lambonadas para os pequenos, que este ano non puideron disfrutar da tradicional Festa da Escuma, debido a unha avaría de última hora na máquina. O Concello de Frades confirma que recuperará a Festa da Escuma dentro das actividades de verán.

14 de xullo de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.