publicidade hoxe

Licítanse os novos IES Carral e IES Culleredo cun orzamento de 3,6 e 4,5 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralCulleredoLocal Portada
A-
A+

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral Técnica, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a licitación de dous novos centros educativos galegos cuxas obras cofinancia o FEDER. O IES Carral, cun importe global de 3.603.869 euros -que superará os 4 millóns co investimento posterior en equipamento- estará construído nun prazo aproximado de 14 meses. O período aberto para presentar as ofertas de contratación da obra é de 26 días naturais contados dende o día seguinte ao da publicación. A licitación do IES Carral fíxose oficial co mesmo prazo aproximado de execución de 14 meses e os mesmos 26 días para realizar as ofertas. O orzamento neste caso será de 4.562.219 euros e probablemente supere os 5 millóns de euros co gasto en equipamento.

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia dá cumprimento ao compromiso adquirido coas comunidade educativas de Carral e Culleredo, cun esforzo económico especialmente salientable no momento de crise actual. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería ten en execución ou licitación obras en centros educativos por importe de máis de 25,6 millóns de euros, nos que se inclúen tanto estes dous IES como o novo aulario de Infantil de Betanzos, a ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), o novo CEIP de Sigüeiro, o de Nós (Oleiros), a ampliación do CEIP Otero Pedrayo (A Laracha), a do CEIP Padre Feijoo (Allariz) e a do CIFP As Mercedes (Lugo).

IES Carral

O novo espazo distribuirase en dúas plantas con 12 aulas de Educación Secundaria Obligatoria, o que supón 360 prazas para o alumnado. Tamén contará, na súa planta baixa, con ximnasio, biblioteca, cafetería, aula de informática, zona de administración, despachos de dirección, sala para Asociación de Nais a Pais do Alumnado, aseos adaptados a persoas con discapacidade e zona de servizos e instalacións. Na planta primeira instalarase o taller de tecnoloxía, as aulas de música e de educación plástica e visual, o laboratorio de ciencias experimentais, 3 aulas de apoio, reforzo e desdobramento, seminarios e aseos de alumnado e profesorado.

O complexo educativo terá unha superficie construída total de 2.938,96m², dos que 139, 42m² son de patio cuberto. A estrutura do mesmo será de formigón armado con cuberta inclinada, na súa maior parte de panel. As fachadas serán transventiladas cunha solución novidosa de papel e vidro reciclado e revoque orgánico, o que asegura un óptimo comportamento enerxético do edificio. A isto, tamén contribuirá a carpintería exterior do edificio, de aluminio lacado con rotura de ponte térmica e dobre folla de vidro e laminar nas portas. Ademais, haberá falso teito acústico en todas as dependencias.

O novo centro servirá como complemento ao actual CPI Vicente Otero Valcárcel, respondendo á alta demanda de escolarización existente no concello.

IES Culleredo

O instituto contará con 16 unidades de Educación Secundaria Obligatoria para 480 alumnas e alumnos. A superficie total construída ascenderá a 4.855,86m², aos que se engadirán 1.188,60m² de pista polideportiva cuberta que, xunto co ximnasio e os vestiarios, terá acceso independente desde a vía pública. O edificio disporase en tres plantas e terá forma de `L´, adaptándose á topografía do terreo. Na planta baixa situarase a zona administrativa, dirección, sala de profesores, laboratorios, talleres, almacéns cuartos de instalacións e aseos; mentres que no primeiro andar estarán os espazos docentes destinados a aulas de plástica, informática, música, drama e audio, as aulas de desdobre, biblioteca e seminarios, así como a aula polivalente e a cafetería. As 16 aulas de ESO estarán na segunda planta.

O edificio deseñouse para aproveitar ao máximo a luz natural, así como para optimizar o deseño dos materiais utilizados. Así, a estrutura será de formigón armado, excepto a cuberta do ximnasio e pista polideportiva, onde se empregará o metal. Ademais, colocarase carpintería exterior de aluminio lacado ou anodizado con rotura de ponte térmica e dobre folla de vidro, laminar nas portas e ventás segundo a súa ubicación en fachada, con vidros compostos de seguridade e de baixa emisividade térmica.

No caso da cuberta do edificio, será inclinada, de panel, salvo na zona de instalacións que é cuberta plana invertida transitable e nos volumes de seminarios, aulas de música, biblioteca e sala polivalente, onde se utilizará a cuberta `deck´. Todas as dependencias terán, ao igual que en Carral, falso teito acústico.

31 de xullo de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.