publicidade hoxe

Ledicia e Concello de Fornelos de Montes gaña a Liga Galega de Bandas de Gaitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFornelos de MontesLocal PortadaMos
A-
A+

Ó longo do día de hoxe celebrouse no exterior do Pazo dos Marqueses de Mos a Final da XXIV Edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas,que organiza a Federación Galega de Bandas de Gaitas. Presenciaron este evento, un dos máis relevantes actos anuais da cultura galega, Manuel Barciela, presidente da Fundación Pazo de Mos; Hipólito Cabezas, presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura mosense, Marta Iglesias, deputada provincial, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; así como varios membros máis da Corporación Municipal do Concello de Mos. Foron, así mesmo, ditas autoridades as encargadas de realizar a entrega de premios que se fixo atendendo á seguinte clasificación de vencedores:

3º Grao:

– 3º premio: Escola Municipal Gaitas e Percusión Xinzo de Limia 2

– 2º premio: Escola de Gaitas Deputación de Pontevedra-S. Pontevedra

– 1º premio: San Vicente de Barrantes

2º Grao:

– 3º premio: O Carballiño e Os Trabazos de Castro Caldelas

– 2º premio: Concello de Manzaneda

– 1º premio: Escola Municipal Gaitas e Percusión Xinzo de Limia 1

1º Grao:

– 3º premio: Agarimo de Catabois

– 2º premio: Nova Fronteira-Barbadás e Cartelle

1º premio: Ledicia e Concello de Fornelos de Montes

A Federación Galega de Bandas de Gaitas celebrou a súa XXIV Edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas -na que participaron ó redor de 30 bandas de gaitas (1.000 gaiteiros aproximadamente)- e cuxa final tivo lugar no municipio de Mos. Dita final celebrouse no Pazo de Mos de 12.00 horas a 13.30 horas o 3º Grao e de 18.00 horas a 21.30 horas os 2º e 1º Graos. As agrupacións campionas deste ano foron Ledicia e Concello de Fornelos de Montes no Primeiro Grao, Escola Municipal Gaitas e Percusión Xinzo de Limia 1 no Segundo Grao, e San Vicente de Barrantes no Terceiro Grao.

O esceario, instalado no exterior do Pazo dos Marqueses de Mos, nunha explanada contigua, tiña unhas dimensións de 20 metros por 20 metros con gradas dispostas en forma de U, nas que se instalaron un total de 1.900 butacas para o público asistente. Esta fase final contou cunha infraestrutura acorde cun acontecemento destas características. Unha gran ferradura de gradas enmarcaba os círculos de competición, onde os gaiteiros foron gravados en todo momento por un circuíto interno de cámaras que retransmitía en directo nunha pantalla xigante de Led, para que ninguén se perdera nin o máis mínimo detalle. Este espectáculo merece un tratamento adecuado tanto para os gaiteiros coma para o público que asiste a un dos actos máis relevantes da música galega.

Na Final participaron bandas de toda Galicia, Portugal e da Galicia Exterior: País Vasco, Barcelona etc. Os integrantes de cada unha das bandas debían entrar desfilando e formar unha vez no esceario. A entrada ten que ser totalmente puntual segundo o cronograma pautado, xa que o mínimo retraso é causa de descalificación. Os horarios de actuación de cada unha das bandas foron establecidos por sorteo.

A Liga Galega de Bandas de Gaitas consta de dúas fases, a fase de inverno e a fase de verán. Dos resultados de ambas fases extráense as bandas participantes na final, da que sae a campiona de liga. A primeira fase da Liga celébrase cada ano no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

26 de xullo de 2014 | 23:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.