publicidade hoxe

Investiranse máis de 538.000 euros na comarca de Arousa para mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCatoiraMeañoMeisPoioPontecesuresPontevedraRibadumiaSanxenxoVilagarcía de Arousa
A-
A+
Cores Touris na visita a Vilagarcía

Cores Touris na visita a Vilagarcía

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vilagarcía de Arousa para analizar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria e que beneficiarán a 9 concellos de Arousa e Caldas-Umia.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 538.575,13 euros de investimento que se desenvolverán nestes concellos en obras de mellora enerxética e dos que algo máis de 457.788,86 euros corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, executaranse melloras en 14 instalacións e 978 puntos de luz, “o que permitirá aforrar case 410 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 20.465 árbores plantados”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 630.000 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de case 96.500 euros en 12 meses.

Os concellos beneficiados por estas axudas son os de Vilagarcía de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontecesures, Meis, Meaño, Ribadumia, Poio e Sanxenxo. Todos eles levarán a cabo actuacións de cambio de puntos de luz por novos equipos Led.

En concreto, no concello de Vilagarcía, cambiaranse 106 puntos de luz no exterior da avenida de Rosalía de Castro, colocándose ademais un reloxo astronómico que permitirá reducir o consumo e o fluxo luminoso un 50% durante dez horas ao día.

Na vila arousana aforraranse con esta medida máis de 13.800 euros ao ano, conseguindo un aforro enerxético de 89.197 kWh ao ano e reducindo en 52,13 toneladas ao ano as emisións de CO2, o que equivale a 2.606 árbores plantados.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 80% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita a Vilagarcía de Arousa para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de agosto. “Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

15 de xullo de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.