publicidade hoxe

Investiranse 170.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética nos concellos de As Neves, Crecente, A Cañiza e Melón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaAs NevesCrecenteMelónPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá, no seu despacho, ao alcalde de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, con quen analizou as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria e que beneficiarán tamén aos concellos de As Neves, Crecente e Melón.

No encontro, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 200.000 euros de investimento que se desenvolverán nestes concellos en obras de mellora enerxética e dos que case 170.000 euros corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, segundo explicou o alcalde de A Cañiza, concello coordinador de esta agrupación de municipios, executaranse melloras en 15 instalacións e 544 puntos de luz, “o que permitirá aforrar 130,12 toneladas de CO2 ao ano”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 200.176 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 32.481,12 euros en 12 meses.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

Segundo apuntou o delegado territorial, a Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita do alcalde de A Cañiza para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de agosto. “Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

8 de xullo de 2014 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.