publicidade hoxe

Francisco Rodeiro co seu can Chop proclámase campión de España de Cans de Rastro Modalidade Xabaril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTouro
A-
A+
Francisco Rodeiro e Chop

Francisco Rodeiro e Chop

O montero de Touro, Francisco Rodeiro Eiras, e o seu can Chop proclamáronse esta tarde gañadores do XXII Campionato de España de Cans de Rastro Modalidade Xabaril que se disputou no Concello de Touro, organizado pola Real Federación Española de Caza en colaboración co Concello de Touro. O segundo clasificado, tamén natural de Touro, foi Manuel Rodeiro Louzao, co can Intre. O terceiro posto foi para Iván Fernández Pereira, de Cervantes, que competiu co seu can Turé. Os tres primeiros clasificados do XXII Campionato de España de Cans de Rastro Modalidade Xabaril son galegos. O campión e subcampión, pai e fillo, son de Touro.

Máis de trescentas persoas acompañaron aos deportistas no campo de probas durante toda a mañá. A choiva, que apareceu levemente nalgunha ocasión, non conseguiu deslucir o XXII Campionato de España de Cans de Rastro Modalidade Xabaril. Os organizadores cualificaron a cita como “moi exitosa” tanto polo nivel dos participantes como polo público procedente de toda España que acudiu a Touro amantes do mundo do rastro con can atraillado. Os seis primeiros clasificados estiveron por encima dos 200 puntos. “É a clasificación máis apertada dos últimos anos”, segundo os organizadores.

35 monteros cos seus cans chegaron ao redor das 10.00 horas ao campo de competición. A proba inicial, que finalizou pasadas as 12.00, serviu para seleccionar ao dez mellores. Nesa primeira rolda situouse en primeiro posto Francisco Rodeiro Eiras, co seu can Chop. En segundo lugar situouse Manuel Rodeiro Louzao, tamén de Touro. O terceiro posto ocupouno Iván Fernández Pereira. O actual campión de España da modalidade, o asturiano Casimiro González e o seu can Jasp, situáronse en sétimo lugar. A clasificación do tres primeiros non variou logo na fase final. Eles coparon os tres primeiros postos.

Touro foi durante este sábado o centro de atracción dos afeccionados ao rastro en modalidade de xabaril. Déronse cita os mellores competidores. Chegaron de Galicia, Navarra, País Vasco, Cantabria, Asturias e Castela-León.  Os participantes, tras a competición, participaron na comida de Clausura do XXII Campionato de España de Cans de Rastro. Foi ao redor das 15.00 horas en casa Taboada de Loxo. E ás 18.00 horas tivo lugar a entrega de trofeos. Moitos dos asistentes comezaron a esa hora a viaxe de volta ás súas casas tras unha xornada intensa.

19 de xullo de 2014 | 20:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.