publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde gaba a Maderas Villapol como exemplo de sector líder na xeración de emprego industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTrabada
A-
A+
Conde na visita a Maderas Villapol

Conde na visita a Maderas Villapol

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe, durante unha visita ás instalacións de Maderas Villapol, o bo facer dunha empresa que se ten convertido en referente dun sector madeireiro “líder na xeración de emprego industrial con preto do 13% do total, superando incluso á automoción”, e que contribúe a “fixar poboación no rural, impulsando a súa dinamización económica”.

“Maderas Villapol desempeña unha actividade fundamental ligada ao noso monte: en máis de medio cento dos concellos galegos, o sector da madeira representa polo menos o 30% das industrias asentadas”, sinalou o conselleiro, quen resaltou tamén as boas cifras dunha industria que facturou, o último ano, preto de 1.700 millóns, un 2,6% máis que en 2012.

O titular de Economía e Industria destacou a importancia da internacionalización e da innovación na consecución destas cifras, pondo como exemplo o traballo dunha empresa familiar que, con máis de 70 anos de historia, “aposta cada día pola innovación para ser máis competitiva”. Así, sinalou, o Grupo traballa na procura da máxima eficiencia enerxética nos seus procesos, ten impulsado a mecanización dos seus procesos a través das novas tecnoloxías, ou dispón de distintos selos de certificación forestal sostible.

Un esforzo que lle ten permitido tamén buscar novos mercados. “Mantivemos a produción e os postos de traballo grazas á exportación. A nosa empresa leva moito tempo exportando a países como Alemaña, Francia, Holanda ou Bélxica”, explicou o conselleiro delegado do Grupo, Daniel Villapol, quen valorou tamén a recuperación que empeza a experimentar o mercado nacional.

Neste esforzo por gañar competitividade, o grupo está a empregar os diferentes instrumentos que a Xunta pon á súa disposición. Así, nos últimos cinco anos obtivo apoios para a realización de distintos proxectos entre os que se atopan iniciativas innovadoras desenvolvidas no eido do Conecta Pemes, ou a realización de diagnósticos de competitividade a través do ReAcciona.

“Seguiremos colaborando coa industria forestal en materia de innovación e captando novos mercados. E farémolo tamén a través doutro eixo de actuación: a Estratexia de Impulso da Biomasa Forestal en Galicia”, explicou o conselleiro. A través do seu desenvolvemento, a Xunta aspira a fixar emprego no rural e crear unha industria xeradora de riqueza, ao tempo que contribúe á prevención dos incendios forestais. Uns obxectivos que, como indicou, coinciden “co desempeño diario dun Grupo que ten no aproveitamento forestal un dos seus piares de actuación” e que xa está a traballar no desenvolvemento de distintos proxectos neste eido.

8 de xullo de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.