publicidade hoxe

Frades incrementa en 120.000 euros a partida de investimentos para mantemento de infraestruturas viarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O Concello de Frades disporá de case 120.000 euros adicionais para investimentos en conservación e mellora de infraestruturas viarias grazas a un suplemento especial de crédito e á incorporación do remanente líquido de Tesourería de 2013, dúas medidas aprobadas na sesión plenaria ordinaria celebrada esta mañá grazas aos 7 votos a favor do Grupo de Goberno e as 4 abstencións de BNG e PSOE. “Ademais, destinaremos algo máis de 96.000 euros a amortizar o préstamo ICO para o pago a provedores, de xeito que reduciremos nun 22% a débeda viva do Concello de Frades”, explicou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.

O Concello de Frades conta cun remanente de Tesourería de 279.278 euros, dos que 196.330 euros correspóndense co remanente líquido de Tesourería do ano 2013. De acordo co informe elaborado pola Intervención Municipal, o Concello de Frades cumpre con todos os requisitos para poder destinar parte deste remanente a investimentos, polo que o Grupo de Goberno decidiu destinar 100.000 euros a obras de mellora e conservación da rede viaria do municipio. Unha boa situación económica que permite que o Concello de Frades non teña a día de hoxe ningunha débeda con provedores, que incrementara as achegas previstas por transferencias de capital por parte da Deputación, da Xunta de Galicia e do Estado; e que reducira os gastos administrativos e en persoal.

Pola súa banda, o suplemento de crédito aprobado esta mañá permitirá destinar 19.700 euros a incrementar a partida orzamentaria para infraestruturas viarias. Uns cartos procedentes de baixas noutras partidas como gastos protocolarios (-5.000 euros), achegas á Mancomunidade (-2.000 euros) ou achegas para un plan de aforro enerxético (-10.000 euros).

Actividade

Por último, o pleno aprobou definitivamente a ordenanza fiscal reguladora da taxa polo inicio ou modificación de actividades, ao rexeitar a alegación presentada polo grupo municipal do BNG que pedía a retirada da ordenanza para non impoñer unha nova taxa aos emprendedores. O alcalde de Frades rexeitou a alegación ao explicar que “a taxa por inicio de actividade xa existía, nós non creamos ningunha taxa senón que facemos unha ordenanza para regulalo”.

Roberto Rey explicou que “sen esta ordenanza, que recolle bonificacións de ata o 95% no caso das explotacións gandeiras, os veciños terían que pagar máis que por unha licenza de obra”, polo que rexeitou deixala sobre a mesa como pedía o BNG xa que “hai que aprobala porque do contrario meteríamos en problemas ás explotacións gandeiras de Frades”.

1 de xullo de 2014 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.