publicidade hoxe

Economía e Industria inviste 459.000 euros na mellora enerxética de 9 municipios das comarcas de Celanova e Baixa Limia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeOurense
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez , visitou esta mañá o concello de Bande que, xunto os de Verea, Muíños, Ramirás, A Merca, Lobios, Lobeira, Celanova e Quintela de Leirado, serán beneficiarios da nova liña de subvencións que recentemente aprobou a Consellería de Economía e Industria para a consecución do novo plan de renovación da iluminación pública exterior. O proxecto conxunto contará cun investimento de 540.000 euros -dos que 459.000 serán subvencionados pola administración autonómica-, para a realización de varias actuacións de carácter enerxético que permitan optimizar o gasto do alumeado público.

Ao abeiro deste plan da Xunta, nestes nove concellos desenvolveranse traballos de substitución en 28 instalacións eléctricas e en 1287 puntos de luz que, segundo explicou Rogelio Martínez, “se traducirán nun aforro enerxético de máis de 326.055 kWh anuais, e preto de 63.000 euros, o equivalente ao consumo dunhas 93 familias”. Martínez, tamén quixo remarcar a aposta da Xunta polo coidado do medio ambiente, xa que “ grazas á consecución deste plan, estarase a evitar que se expulsen á atmosfera máis de 211 toneladas de CO2, o equivalente a plantar unhas 10.596 árbores”.

Na súa visita o delegado estivo acompañado polos alcaldes dos municipios que conforman o proxecto, cos que mantivo unha reunión informativa na que se valoraron as vantaxes deste tipo de iniciativas conxuntas á hora de abordar melloras en infraestruturas básicas para a poboación. O máximo responsable da Xunta en Ourense indicou que estas actuacións “contribúen a crear un clima de colaboración entre as institucións que facilitará a consecución de futuros proxectos entre concellos”.

Durante a súa visita, o delegado territorial destacou o investimento de 60.000 euros que se destinará á realización das melloras en Bande, dos que 51.000 serán achegados polo organismo autonómico a través do Instituto Enerxético de Galicia.

Concretamente, os traballos correspondentes a este proxecto desenvolverase en 2 instalacións e 142 puntos de luz da localidade, o que, tal e como subliñou o delegado, “supoñerá un aforro de máis de 59.000 kWh en cada período de 12 meses, que en termos económicos se traduce en máis de 10.400 euros cada ano”.

A Xunta de Galicia ten prevista a execución doutros proxectos de mellora na eficiencia enerxética na provincia de Ourense. Ademais da agrupación na que se atopa o concello de Bande, outras dúas concentracións de municipios acometerán obras deste tipo, cun orzamento de máis de 300.000 euros. Os concellos beneficiarios son: Arnoia, Beade, Leiro, Cortegada, Cenlle, Boborás, Beariz, Piñor de Cea, Carballeda de Avia e Ribadavia.

Programa de iluminación exterior
O goberno galego destinou este ano 4,5 millóns de euros no programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, promovendo 24 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 integrantes. Este tipo de actuacións, que fomentan a cooperación institucional e diminúen os custos de execución, viron incrementada a contía da súa axuda nun 85%.

Rogelio Martínez explicou que a través destas iniciativas “dáselle aos concellos a posibilidade de aforrar nunha das partidas máis importantes dos seus presupostos, tendo en conta que a iluminación pública acapara, de media, preto do 70% do consumo eléctrico dun municipio”. Deste xeito, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh e de 1 millón de euros anuais en toda a comunidade.

23 de xullo de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.