publicidade hoxe

Dispositivo especial para velar pola seguridade cidadá nas festas de Vilaboa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

As forzas de seguridade preparan un amplo dispositivo especial con motivo das festas de Vilaboa, que reunirán desde mañá venres e até o martes por centos de persoas. Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil participan nun plan de seguridade coordinado, centrado na atención ao cidadán e na regulación do tráfico. Na mañá de hoxe, responsables da Policía Local, de Protección Civil, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, persoal técnico do Concello e o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, mantiñan unha reunión en Vilaboa para ultimar sobre o terreo todos os detalles do plan de seguridade.

Un amplo dispositivo de efectivos dos corpos de seguridade velará pola seguridade nas festas. Será reforzado especialmente de noite, desde as 20.30 horas, cando se espera maior afluencia de xente. Culleredo contará coa presenza nocturna do Grupo Rural de Seguridade da Garda Civil, que reforzará os labores de vixilancia.

A seguridade tamén se estende ao recinto das atraccións. Protección Civil verificou hoxe o cumprimento do plan de evacuación deseñado con motivo dos festexos.

En materia de tráfico, a Policía Local establecerá unha circulación especial das rúas da contorna polas noites, desde as 22.30 horas. O tráfico ao redor da praza fixarase nun só sentido, polas rúas Breogán, Roi Xordo e Pérez Lugín, esta en dirección á Nacional 550. A avenida de Cordeda permanecerá cortada desde as 21.00 horas.

En canto ao aparcadoiro, o Concello xa dispuxo hoxe valos para indicar as zonas onde non se pode estacionar, con obxecto de favorecer a mobilidade dos viandantes. Polas noites tampouco se poderá aparcar na marxe esquerda da rúa Pérez Lugín.

Para facilitar a accesibilidade, o Concello establecerá unha zona para o estacionamento de persoas con mobilidade reducida na Nacional 550, fronte á igrexa. Ao seu lado haberá tamén un espazo reservado para taxis.

O primeiro tenente de alcalde apunta a garantir a seguridade e a accesibilidade dos peóns como unha das “prioridades” do dispositivo., garantindo que os vehículos non entorpezan o paso das persoas. Rioboo pide a colaboración cidadá para que os festexos discorran “con normalidade” e gozar do traballo da comisión de festas.

O edil resalta así mesmo que este amplo dispositivo será realidade pola “implicación” de todos os efectivos e a coordinación continuada que mantén o Concello coa Garda Civil, fundamental para a seguridade do municipio.

10 de xullo de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.