publicidade hoxe

Destínanse 24.000 euros ao acondicionamento dun tramo do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso por Cee

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCee
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, supervisou esta mañá os traballos de acondicionamento que se están a acometer nun tramo do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo municipio de Cee, onde estivo acompañada pola alcaldesa, Zaira Rodríguez. As obras promovidas por Turismo de Galicia, buscan mellorar parte do Camiño para facelo máis transitable, xa que hoxe en día ten puntos de difícil paso, especialmente pola acción da auga e polo uso de maquinaria pesada.

A máxima representante do Executivo galego na Coruña explicou que as obras consistirán na reposición dos adoquíns dalgunhas cunetas e na realización de pasos de auga novos onde sexa preciso. En todo caso, respectaranse sempre as condicións do camiño coma o seu ancho ou os valos tradicionais. Tamén se procederá á limpeza das zonas transitables e das súas marxes e á reposición da capa de rodadura e á eliminación das fochancas nos trazos máis danados, adaptando sempre a obra ás peculiaridades do territorio.

O proxecto, que conta cun orzamento de 23.736 euros, contempla dous focos de actuación: o primeiro, no punto quilométrico 21+700 e o segundo, no tramo comprendido entre os puntos 16+918 e 17+105. A previsión é que a execución destas labores poida estar rematada a primeira semana do vindeiro mes.

Este tipo de accións levarase tamén a cabo ao longo do verán noutros municipios polos que tamén transcorre o Camiño Fisterra-Muxía: Santiago de Compostela, Ames, Mazaricos, Dumbría, Corcubión, Negreira e Muxía, para os que o departamento autonómico destinará un total de 234.611 euros, incluídas as obras de Cee.

Do Campo resaltou que a finalidade última desta iniciativa promovida por Turismo é potenciar a Ruta Fisterra–Muxía, que hoxe xa constitúe un punto de chegada de miles de peregrinos que, tras visitar a tumba do Apóstolo, deciden camiñar ata a Costa da Morte seguindo a tradición xacobea da Fisterra galega. En 2013, fixeron este percorrido preto de 20.000 persoas e, incluso, un total de 454 peregrinos fixeron o Camiño desde Muxía- Fisterra a Santiago, un 8,8% máis que o ano anterior.

Potenciar a Ruta Fisterra- Muxía como recurso turístico

“O Camiño constitúe un dos moitos atractivos singulares da Costa da Morte, que dotan de gran potencialidade a un destino que traballa en prol do seu desenvolvemento turístico”, expresou Do Campo, quen recalcou que mostra do seu crecente atractivo son os datos rexistrados polos cinco albergues de peregrinos da ruta Fisterra-Muxía, que entre e xaneiro e xuño deste ano sumaron preto de 8.500 pernoitas. Desde principios de ano, esta cifra foi aumentando mes a mes, pois se en xaneiro e febreiro se rexistraron 245 pernoitas de media, o mes pasado estas xa acadaron as 2.925.

Con todo, a delegada territorial aproveitou para recalcar que, xunto con esta ruta, a Costa da Morte conta con outros recursos únicos que tamén se converten en importantes polos de atracción para os viaxeiros que buscan destinos diferenciais. Neste senso, Turismo de Galicia e o xeodestino Costa da Morte seguen a traballar na creación e posta en valor turística do territorio e na dinamización da zona a nivel turístico e de potenciación dos seus recursos singulares.

22 de xullo de 2014 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.