publicidade hoxe

Cores Tourís reúnese co alcalde de Arbo para estudar as necesidades do CEIP Antonio Carpintero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArboPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao CEIP de Arbo

Cores Tourís na visita ao CEIP de Arbo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Arbo para analizar co alcalde, Horacio Gil, as necesidades máis urxentes do CEIP Antonio Carpintero.

Deste xeito, o delegado territorial levou a cabo a súa primeira visita institucional a este municipio trala formación do novo Goberno local, tal e como acordara co rexedor tras a visita que este realizou á Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra a comezos do presente mes.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde de Arbo analizaron a problemática actual do CEIP Antonio Carpintero en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares. Posteriormente, os tres trasladáronse ata o propio colexio para coñecer a súa situación xunto ao director do centro educativo.

Así, segundo avanzou Cores Tourís, a administración autonómica ten previsto levar a cabo a reforma da instalación eléctrica deste colexio, debido ás deficiencias que presenta o mesmo. “Necesita a execución dunha OCA, xa que hai que cambiar contadores, luces de emerxencia e revisar todos os cadros eléctricos, tal e como nos avanzou o alcalde, Horacio Gil”, engadiu o delegado territorial.

A obra suporá un investimento de 25.000 euros e se atopa como prioritaria dentro dos proxectos a executar pola Xefatura Territorial de Cultura e Educación.

Por outra banda, tal e como confirmou Cores Tourís, proximamente acudirá ata o centro os técnicos da Xefatura Territorial para realizar un estudo en relación á reforma dos aseos dos nenos así como dos baños do comedor. Tamén analizarán as posibilidades de mellora da zona de acceso ao centro de cara a evitar humidades.

Desde 2009, o CEIP Antonio Carpintero foi obxecto de diversas melloras por un montante total de 103.000 euros. Así, cambiouse a carpintería, repuxéronse cristais, ventás e dividíronse aulas. O ano pasado, destináronse case 28.000 euros para a reforma da calefacción deste centro educativo.

16 de xullo de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.