publicidade hoxe

Cores Tourís comprobou as obras nun camiño de acceso ao Parque Natural de Carreirón na Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á Illa de Arousa

Cores Tourís na visita á Illa de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras de mellora dun camiño rural de acceso ao parque natural de Carreirón no concello da Illa de Arousa, executadas a través do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Manuel Vázquez, pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez, así como polo portavoz do PP da localidade, Juan José González.

Os traballos permitiron mellorar o firme deste camiño que conta cunha lonxitude de 390 metros e un ancho medio de 8, con amplas variacións dende os 6 ata os 9 metros. Este vieiro atopábase xa acondicionado con aglomerado en frío, pero, tal e como destacou Cores Tourís, “o firme estaba moi deteriorado, polo que foi necesario regularizalo e darlle un rego de adherencia previo ao aglomerado en quente”. En total, o orzamento desta obra roldou os 31.500 euros.

O delegado territorial destacou que a nivel comarcal, en canto ao Plan Marco de mellora de estradas rurais, destináronse no presente ano 405.648 euros destinados para os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova. Estas obras permitiron a pavimentación e ensanche de vías de titularidade municipal, así como mantemento de camiños e mellora de firmes. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

Manuel Vázquez agradeceu a colaboración da administración autonómica para a execución da mellora desta estrada “que é moi transitada polos veciños pero tamén en verano polos visitantes e veraneantes”.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Illa de Arousa para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Dende 2009 a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de A Illa de Arousa, o investimento en mellora de vías rurais superou os 142.700 euros dende ese mesmo ano. “A este montante haberá que sumarlle outros 64.000 euros que se destinarán para novas melloras de infraestruturas agrarias no período 2014-15”, rematou o delegado territorial.

29 de xullo de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.