publicidade hoxe

Comeza o VII Mercado Renacentista de Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoViveiro
A-
A+

A Deputación de Lugo colabora outro ano máis co municipio lucense de Viveiro que acollerá no casco histórico do municipio os días 11, 12 e 13 de xullo o Mercado Renacentista que, logo do éxito das edicións anteriores, se celebra por sétima vez. A Deputación aportou un total de 4.000 euros para financiar esta data xa que lle serve de escaparate ós produtores e artesáns de Viveiro e axuda a difundir a calidade e variedade dos produtos da provincia. Ademais, esta iniciativa funciona como revulsivo económico pois ábrelles ós viveirenses un novo camiño de comercialización.

Ademais os produtores locais, autónomos en definitiva, ven con este tipo de xornadas unha clara intención de potenciar, por parte do Concello de Viveiro e da institución provincial, os traballos artesanais dos viveirenses para, deste xeito, reforzar o valor da tradición e evitar que se perda. Por outra banda, coa celebración do VII Mercado Renacentista, ofréceselles ós veciños unha alternativa de lecer ó tempo que serve para que o Concello de Viveiro acolla a centos de visitantes, que ven nesta iniciativa unha moi boa opción para pasar a fin de semana. 

A programación arrancará maña venres, 11 de xullo ás 17:00 horas, coa apertura do mercado tradicional. Polas rúas do casco histórico da vila instalaranse os artesáns, entre os que destacan os profesionais que traballan a pel ou o coiro; xoieiros e hostaleiros. De feito, os viveirenses que así o solicitaron no Concello, poderán organizar xantares e ceas nas rúas de Viveiro para, deste xeito, facer a todos os veciños e veciñas da vila, participes da festa. Durante venres, sábado e domingo poderase desfrutar e participar dun gran número de actividades como actuacións cómicas, exhibicións de cetrería; concertos na rúa e espectáculos ambientados na época de Carlos V. Está previsto que a programación remate cara a media noite do domingo 13.

10 de xullo de 2014 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.