publicidade hoxe

Comeza en Trives un plan piloto de mantemento de estradas municipais e provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra de TrivesOurense
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe na súa visita á comarca de Trives que a institución provincial porá en marcha no ano 2015 un plan piloto de conservación e mantemento da rede de estradas de titularidade provincial e municipal co obxectivo de contribuír cos concellos á mellora destas vías de comunicación. Así llo comunicou Baltar aos representantes municipais cos que mantivo unha reunión de traballo hoxe, previa á visita que o presidente provincial realizou ás instalacións da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.

Manuel Baltar, quen estivo acompañado por técnicos do Servizo de Vías e obras da Deputación de Ourense, comprometeuse a que sexa a comarca de Trives a primeira na que se leve a cabo este plan piloto de mantemento e conservación de estradas, e tamén anunciou melloras na OU-0703, a principal estada de acceso a Cabeza de Manzaneda dende Trives.

Na xuntanza, na que estiveron presentes os alcalde de Chandrexa de Queixa, Manzaneda e Trives e o tenente alcalde de San Xoán de Río, Baltar explicou que esta actuación en infraestruturas viarias “levarase a cabo en 2015 nunha comarca que consideramos estratéxica para o desenvolvemento dun sector tan importante como é o turismo, un sentir que compartimos dende a Deputación cos alcaldes da comarca que así no lo transmitiron”.

Posteriormente, Manuel Baltar percorreu as instalacións da estación de montaña acompañado polo responsable da xestión do complexo, Arturo Rodríguez, para coñecer as melloras realizadas coas achegas que a Deputación de Ourense destinou o ano pasado á estación de montaña, en total 150.000 euros para investimentos de carácter tecnolóxico. A colaboración da institución provincial este ano centrarase en diversos programas promocionais e de difusión da estación de montaña.

4 de xullo de 2014 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.