publicidade hoxe

COGAMI, AJE Ferrolterra e Caixabank asinan un convenio a favor da inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A sede da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (AJE Ferrolterra) foi o escenario escollido para asinar un convenio de colaboración coas entidades que forman parte do plan Incorpora, un proxecto que aglutina entidades sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a inserción de persoas en risco de exclusión social.

O convenio, asinado por AJE Ferrolterra, COGAMI, CaixaBank e Grupo Incorpora, ten como obxectivo favorecer a maior incorporación ao mundo laboral das persoas en risco de exclusión e tamén promover a responsabilidade social empresarial das empresas que están integradas en AJE.

O Grupo Incorpora comprométese a facilitar ás empresas que están en AJE Ferrolterra información e asesoramento especializados sobre subvencións e axudas á contratación e creación de postos de traballo, ademais das vantaxes por contratar a persoas con especiais dificultades de inserción.

COGAMI asume o asesoramento correspondente á formación específica para a cualificación de persoas traballadoras contratadas ou para contratar. AJE Ferrolterra comprométese a fomentar a contratación e incorporación de persoas de colectivos especialmente fráxiles e CaixaBank encargarase de apoiar economicamente esta iniciativa dentro do programa Incorpora da Obra Social desta entidade financeira.

O grupo Incorpora Galicia aglutina sete entidades sen ánimo de lucro sendo estas: o Instituto Galego de Xestión para o terceiro Sector-IGAXES 3, Asociación para a prevención da exclusión social-APES, Fundación Érguete-Integración, FEAFES Galicia, COGAMI, Cruz Vermella Lugo e Cruz Vermella Ourense.

Firmaron o documento: Cristóbal Dobarro Gómez, Presidente de AJE Ferrolterra, Carlos Rosón Varela, Instituto Galego de Xestión para o 3º sector – IGAXES, Ramón Sestayo Lestón, Vicepresidente de COGAMI, e Manuel Jesús Márquez Martínez, Director de Área de Negocio de Caixabank en Ferrol.

28 de xullo de 2014 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.