publicidade hoxe

Clausura do XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na clausura do XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova titulado ‘O audiovisual galego: 25 anos de presente’, unha iniciativa apoiada polo seu departamento, e que ten como obxectivo funcionar como unha ferramenta para reforzar a formación práctica e para facilitar o intercambio creativo entre mestres, alumnos e profesionais do sector.

Na xornada de clausura deste encontro, que tivo lugar no Auditorio Ilduara da vila ourensá, participou tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, que compartiu con representantes do sector unha mesa redonda para abordar o tema ‘Onde está e cara a onde vai o audiovisual galego’ na que aproveitou para expor o plan de axudas ao audiovisual previsto para este ano. Logo, os alumnos de Comunicación Audiovisual proxectaron o cuarto e último capítulo da web serie ‘O interfecto’ no marco do taller audiovisual ‘Celanova, plató de ficción’.

A continuación o titular do departamento de Cultura e Educación felicitou as alumnas e alumnos, así como á Fundación Carlos Casares pola organización “deste curso tan relevante para o excelente futuro do noso cinema”. Neste sentido o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou o apoio da Consellería tanto a este curso como a todas as accións dirixidas “a unha formación audiovisual complementaria e de calidade na nosa comunidade”. “É pois un honor –dixo- compartir este acto de clausura cos creadores do noso audiovisual, todos eles capaces de realizar produtos de alta calidade en todas as variantes e formatos. Estou convencido de que temos unha clara mostra do talento e a creatividade do noso alumnado, pero tamén dos seus docentes, recoñecidos profesionais do sector que foron quen de estimular esa forza e convertela en realidade”.

O curso rematou coa entrega de diplomas por parte do titular do departamento de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o director do curso, Miguel Anxo Fernández. No acto estiveron presentes, así mesmo, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; o presidente da Fundación Carlos Casares, Javier Casares; e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro.

Formación nos distintos formatos e xéneros

Baixo o título ‘O audiovisual galego: 25 anos de presente’ e configurado como un curso de verán de extensión universitaria, a actual edición desenvolveuse ao longo de catro xornadas intensivas, nas que tivo un protagonismo especial a largometraxe e a súa versatilidade actual, así como os formatos e xéneros máis alternativos e de baixo custe. En referencia ao lema deste ano, lembráronse ademais as tres películas realizadas en 1989 coas que se iniciou a andaina do cinema en galego: ‘Urxa’, ‘Continental’ e ‘Sempre Xonxa’.

Desde o martes 15 de xullo ata o día de hoxe, o XI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova acolleu xornadas intensivas nas que se trataron diferentes asuntos centrados no panorama audiovisual galego. Deste xeito, ponse fin a esta undécima edición que foi organizada pola Fundación Carlos Casares, a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Deputación de Ourense e o Concello de Celanova; e contou coa colaboración da AGADIC, da Televisión de Galicia e da Facultade de Ciencias Socias e De Comunicación de Pontevedra.

18 de xullo de 2014 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.