publicidade hoxe

Cabalos, música e xogos na I Festa Cabalar de Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPazos de Borbén
A-
A+

A Asociación Cultural de Nespereira e a pena de Novos Xinetes “Os pinecos” organizan os próximos días 2 e 3 de agosto a I Festa Cabalar na contorna da Casa da Cultura de Nespereira. Unha celebración que pretende reunir tanto aos afeccionados ao mundo equino como ao resto de veciños da comarca. Para o encontro habilitarase o campo de fútbol de Nespereira como zona de acampada para albergar aos xinetes e as súas monturas.

A acollida dos cabaleiros comezará a tarde do sábado. Ao redor das 22:00 horas, con todos os xinetes xa acomodados, celebrarase unha pequena festa con animación musical. O domingo, a partir das 10:00 horas, terá lugar a ruta cabalar polos montes de Pazos de Borbén. A participación é totalmente gratuíta pero advírtese que os donos deberán facerse responsables dos posibles danos ocasionados polo seu cabalo.

Despois do paseo os xinetes volverán á Casa da Cultura de Nespereira, onde gozarán dunha clásica comida campestre con empanada, churrasco, pito, criollos, viño… O menú custa 15 euros para os adultos e 7,50 euros para os menores de 14 anos. Despois dun prudente repouso, ao redor das 16:00 horas, comezarán as actividades para todos os públicos entre as que destacan os paseos dacabalo, para nenos e maiores, e a celebración dunha gran jincana con varios premios para os gañadores.

O prazo de inscrición, tanto para reservar zona de acampada como mesa na comida, termina o 27 de xullo. Os interesados en recibir máis información poden facelo a través do teléfono 667 666 764, á atención de Chiño, ou na cafetaría da Casa da Cultura de Nespereira.

22 de xullo de 2014 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.