publicidade hoxe

Begoña Estévez estuda co alcalde de Bueu a posibilidade de que a Escola de Canteiros plasme en pedra debuxos de Xosé Solla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A deputada Begoña Estévez e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitaron hoxe a Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra para estudar a posibilidade de que deseños do pintor morracense José Solla, emigrado en Bos Aires, poidan ser plasmados en pedra polo centro educativo da Deputación de Pontevedra.

José Solla, natural de Seixo (Marín), é un recoñecido pintor e debuxante que emigrou á Arxentina en 1950. Estudou na Escola Superior de Artes Visuais Martín Malharro e foi alumno do mestre arxentino Demetrio Urruchúa. Perante longos anos residiu e traballou en Mar de Plata.

O pintor morracense realizou varios deseños para pedra de debuxos xeroglíficos que supoñen unha homenaxe á súa terra natal de O Morrazo. As súas dimensións son de 5 por 3 metros.

O alcalde de Bueu expuxo á deputada Begoña Estévez e ó propio presidente da Deputación, Rafael Louzán, a posibilidade de que a Escola de Canteiros acometese a realización desa tarefa. Ese foi o motivo polo que hoxe a deputada mostrase ao alcalde as dependencias, aulas e talleres da Escola de Canteiros que impresionaron vivamente a Juncal pois non as coñecía.

A Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra é unha referencia educativa e laboral deste sector en Galicia e España ao ser o único centro formativo nas especialidades de Canteiro e Mestre Canteiro

A Escola conta con 75 alumnos por curso e, nos últimos trinta anos, formou a preto de mil canteiros que hoxe teñen os seus propios talleres ao longo de Galicia ou ocúpanse en empresas especializadas na rehabilitación e recuperación do Patrimonio o na construción. Da Escola de Canteiros xurdiron 16 grandes talleres de pedra en Galicia e 40 medianos nos que traballan 250 persoas.

O centro da Deputación de Pontevedra ten homologados os seus estudios e dispensa o título profesional de Canteiro ou técnico en pedra cun nivel de Grado Medio. Os seus alumnos atopan traballo case de xeito inmediato debido á súa especialización e á escasa mano de obra profesional no sector.

Os seus traballos están esparexidos por Galicia e polo mundo, significativamente en países como Arxentina, Uruguai, Estados Unidos, México, Alemaña, Francia, Inglaterra, Cuba ou Filipinas.

21 de xullo de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.