publicidade hoxe

Avanzan os traballos de recuperación do cine Elma na Pobra do Caramiñal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do Caramiñal
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asistiu hoxe á presentación do proxecto de renovación integral do Cine Elma na Pobra do Caramiñal que xa está en marcha coa colaboración da institución provincial. 

Diego Calvo definiu este inmoble coma un edificio emblemático para o contorno que era “imprescindible recuperar”, non só polo que representa para os residentes na zona, senón pola contribución cultural que vai representar para o municipio. 

“Moitos veciños da Pobra naceron e creceron cun cine no seu pobo e agora tamén os seus fillos e netos poderán gozar dese mesmo edificio, iso si, reconvertido en Teatro”, explicou o titular provincial.

Pola súa banda, o alcalde, Isaac Maceiras Rivas, agradeceu o compromiso da Deputación con este proxecto. Non só pola reforma que agora se está levando a cabo, senón porque foi esta institución a que comprou o edificio en 2001 á familia Escurís para logo cederlla ao concello.

“Se a Deputación non chegara a comprar o inmoble, hoxe sería un edificio de vivendas”, indicou o rexedor. Mentres que Diego Calvo sinalou que “non se podía permitir”.

Tres fases

A reforma do edificio do Cine Elma ten por obxectivo recuperar estas instalacións para os veciños e reconvertelas para un uso máis teatral. Para iso, ampliarase o campo visual do escenario dende todo o teatro, reordenaranse as butacas e os espazos de paso, ademais de mellorar a accesibilidade e os percorridos de evacuación.

Nesta primeira fase para a cal a Deputación destinou 200.000 euros (o 97% do orzamento), as obras centráronse en reforzar a estrutura interna do edificio, duns 560 metros cadrados, e actualmente estase a renovar tamén a cuberta do edificio que unifica a unha soa altura o teatro, permitindo incorporar iluminación cenital na sala.

A segunda fase xa se está tramitando tamén no ente provincial e rehabilitará as fachadas e as instalacións cun orzamento de licitación de 235.686,29 euros.

O proxecto rematará cunha terceira fase con traballos de tabiquería, revestimentos, carpinterías e todo o que ten que ver con elementos decorativos, coa iluminación, así como coa dotación específica para o escenario, butacas…

Unha vez listo, o xa Teatro Elma poderá iniciar, en palabras de Diego Calvo, unha “nova etapa de prosperidade” da man dos veciños. “Será un punto de encontro para o ocio e a cultura, non só deste concello senón de toda a comarca do Barbanza”, declarou o responsable provincial.

3 de xullo de 2014 | 20:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.