publicidade hoxe

As webseries toman a palabra en Celanova na segunda xornada do CeMAC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanova
A-
A+

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), abriu hoxe o segundo día de ponencias fixando a súa atención nos novos modelos de producción. Un exemplo son as webseries, que hoxe tomaron a palabra amosando o potencial que supoñen para a distribución dun traballo. Para afondar nesta cuestión, o Auditorio Municipal Ilduara de Celanova (AMIC) recibiu a Pablo Cacheda, director de “Clases de lo social”, unha comedia realizada dun xeito didáctico para abordar a situacións cotiás ás que nos vemos obrigados a enfrontarnos cada día. Actualmente, a webserie consta dunha tempada e traballa na segunda, que estreará o primeiro capítulo no mees de agosto.

Cun argumento semellante, os micrófonos do CeMAC cedéronlle a palabra a Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, directora e productora de “Fame”, unha webserie nacida do taller “Celanova, plató de ficción” do pasado ano, unha actividade que dende hai cinco edicións desenvolven alumnos de Comunicación Audiovisual do Campus de Pontevedra durante os días nos que transcorre o curso. Trala boa experiencia do verán pasado, os estudantes decidiron continuar o fío argumental comezado e apostar pola segunda tempada do proxecto. De feito, mañá mesmo a rede será o escenario para a estrea do primeiro episodio. Aínda que as webseries coparon boa parte da programación de hoxe, os asistentes ó CeMAC tamén puideron coñecer modelos de coproducción audiovisual, como é o caso de “Inevitable”, un drama romántico que reflicte o amor en diferente etapas da vida.

O director e coguionista do proxecto, Jorge Algora; a productora, Susana Maceiras, e a actriz protagonista, Mabel Rivera, estiveron en Celanova para falarnos da súa experiencia. Tras deles, parte do equipo do programa “Era visto!” explicaron os ingredientes que compoñen este fenómeno audiovisual e que lle axudaron a acadar o éxito. As actividades didácticas seguiron afondando en experiencias financiadas mediante a técnica do “crowfunding” –tal e como xa aconteceu na primeira xornada-; neste caso con “3-1=0”, e concluíron cunha aposta pola non-ficción con “O quinto evanxeo de Gaspar Hauser”, “un enrevesado sistema de categorías” –segundo o define o propio director, Alberto García-, sobre as peripecias dun cabaleiro da Idade Media cunha personalidade fragmentada en cinco personaxes.

Xa por último, proxectouse o segundo capítulo de “Intefecto”, a webserie que realizaron este ano os alumnos de Audiovisuais de Pontevedra e que trata de resolver o misterio en torno a unha serie de asasinatos cometidos nas proximidades do Mosteiro de San Salvador de Celanova. Será mañá coa proxección do terceiro e último episodio cando se desvele a identidade do criminal. Entrada a noite, o AMIC acolleu a proxección do filme “Urxa”, un pase aberto a tódolos públicos con entrada gratuíta. Mañá será o turno de “Continental”, dentro deste ciclo que percorre 25 anos de cine en Galicia.

16 de xullo de 2014 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.