publicidade hoxe

As melloras no entorno comercial de Feira do Monte en Cospeito permiten a dinamización da zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCospeito
A-
A+

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe na súa visita a Feira do Monte, no concello lugués de Cospeito, que as melloras realizadas no entorno comercial desta localidade están a permitir poñer en valor e dinamizar a zona, que acolle mensualmente unha feira tradicional e na que tamén se celebra de xeito anual a Feira da maquinaria.

Conde, que estivo acompañado polo alcalde, Armando Castosa, salientou a cooperación como unha das mellores fórmulas para garantir a eficiencia, resaltando que nos últimos anos a Consellería de Economía e Industria leva destinado 350.000 euros a apoiar ao Concello na mellora das infraestruturas comerciais, de xeito especial no entorno de Feira do Monte.

O conselleiro de Economía e Industria subliñou que o traballo conxunto co Concello se está a desenvolver noutros ámbitos como o do parque empresarial de Muimenta, que nos últimos anos recibiu 70.000 euros da Consellería de Economía e Industria, e manifestou a súa convicción de que esta cooperación se manterá “co obxectivo común de favorecer o desenvolvemento do municipio e impulsar os seus principais motores económicos”.

Emprendemento feminino

Na súa visita a Cospeito, o conselleiro de Economía e Industria participou na entrega dos diplomas ás participantes no programa A túa vida nun click, coordinado en Galicia pola Asociación para o desenvolvemento Sociocultural, Formación e Emprego, ASFEM. O acto contou coa participación da presidenta desta entidade, Pilar Iglesias Osorio, que vén de recibir a Medalla Castelao pola súa importante labor social.

Destacou o conselleiro que a iniciativa, que ten por obxectivo avanzar na implantación das novas tecnoloxías e o márketing 2.0, impulsando o emprendemento feminino e avanzando na promoción da igualdade, ten permitido a posta en marcha do proxecto da emprendedora de Cospeito Pilar López Cupeiro, que vende xa a través da rede os seus produtos nos que se unen arte e iluminación.

1 de xullo de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.