publicidade hoxe

Arzúa ofrece unha ampla oferta cultural para o mes de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este mes de agosto un completo programa de actividades culturais que contará con música, actividades nas parroquias e unha excursión gratuíta na que poderán participar todos os veciños e veciñas do municipio que así o desexen.

Para comezar o mes, este venres día 1 e o sábado 2 abrirase na Capela da Madanela o conxunto de concertos incluídos no programa ‘Música no Camiño’ que ofrece recitais gratuítos todos os venres e sábados do verán totalmente de balde. Por orde, actuarán o grupo saído da Banda Municipal, Ensemble B.M.A. que ofrecerán esta fin de semana música de cinema e na seguinte, os días 8 e 9, música de baile. Os días 15 e 16 a artista local Aldara Gómez poñerá as notas musicais para darlle paso á música de autor en galego de MJ Pérez nas xornadas do 22 e 23 de agosto. Todas estas actuacións levaranse a cabo na Capela os venres ás oito e media do serán e os sábado ás sete da tarde. No mesmo horario pero na Praza de Galiza, pechará os actos musicais deste mes Alberto Mvundi e os seus sons africanos os días 29 e 30.

O programa ‘Lecer no rural’ será outro dos que teña continuidade neste mes estival. Impulsado polo Concello de Arzúa, achegará o Obradoiro de Xogos do Mundo, que leva dende abril percorrendo todas as parroquias do municipio, aos respectivos locais sociais de Maroxo, Vilantime e Boente os días 8, 9 e 22 de agosto e continuará o sábado 23 na área recreativa de Lema situada na estrada de Santiso e o venres 29 no campo da festa de Tronceda, esta última aprazada no mes pasado por mal tempo. Estas sesións gratuítas e dirixidas a todos os públicos, consisten na realización de varios xogos e dinámicas de distintas culturas dirixidos e guiados por dous monitores profesionais. O horario das mesmas é de cinco a sete da tarde.

As actividades culturais de agosto complétanse cunha excursión enmarcada no programa Coñece o teu país ao Concello de Vilagarcía de Arousa o vindeiro sábado, día 30. As inscricións comezan o día 18 no Departamento de Cultura, son de balde e teñen as prazas limitadas.

31 de xullo de 2014 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.