publicidade hoxe

Arzúa ofrece a segunda das excursións do programa Coñece o teu país

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa ofrece para este mes a segunda das excursións do programa Coñece o teu país deste ano. Un ano máis, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poden realizar excursións ás catro provincias galegas.

Despois de coñecer máis de preto o municipio coruñés de Vimianzo no pasado mes de xuño, a segunda viaxe será o vindeiro sábado día 26 de xullo ao concello de Lourenzá, na provincia de Lugo.

Nesta xornada os participantes achegaranse a este concello da Mariña Central lucense para visitar o Centro de Interpretación da Faba, o Mosteiro de San Salvador e o Pazo de Tovar.

Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.

Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á viaxe organizada para o vindeiro 26 de xullo a Lourenzá, poden facelo a partir do vindeiro venres, 18 de xullo, no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa desde as 8:30 horas.

Lembren que a oficina do Departamento de Cultura está situada no Edificio Sociocultural María Mariño, na rúa Pai Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).

As dúas excursións restantes serán en agosto, o sábado 30, á provincia de Pontevedra para coñecer o municipio de Vilagarcía de Arousa e xa para rematar este ano, realizarase unha saída ao concello de Riós da provincia ourensá o sábado 27 de setembro.

7 de xullo de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.