publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Arrancou a viaxe inaugural do tren turístico da ruta dos viños de Valdeorras-Ribeira Sacra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaO Barco de ValdeorrasOurensePetínPortada dereita
A-
A+

O tren da Ribeira Sacra-Valdeorras realiza o seu percorrido inaugural partindo ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegan a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras. Logo da partida, o tren diríxese cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros poden facer unha travesía en catamarán desde o embarcadeiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome. Máis tarde, desde Santo Estevo viaxan en tren ata a estación da Rúa-Petín, na comarca de Valdeorras.

No Concello da Rúa, está prevista á visita a unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolve unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais. Logo do xantar, os viaxeiros diríxense en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto poden coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.

Tras voltar á estación da Rúa-Petín, onde collen o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros fan un alto na ruta para visitar a Aula do Ferrocarril, situada na estación dos Peares. Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achéganse ata Ourense, onde remata a xornada.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete. O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 10 euros apra os menores de 14 anos, para as viaxes dun día. Existen descontos para fins de semana e traslados desde outras cidades.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez participou hoxe na viaxe inaugural do Tren Turístico das Rutas dos Viños de Valdeorras e Ribeira Sacra. Este percorrido forma parte das novas rutas turísticas en tren implementadas este ano. A primeira viaxe deste percorrido rexistrou unha ocupación do cen por cen.

A directora de Turismo explicou que este proxecto comezou o ano pasado como un proxecto turístico pioneiro inclúe nesta segunda edición novos atractivos. Engadiu que o Plan Integral de Turismo de Galicia na súa liña estratéxica sexta incide no turismo como sector multidisciplinar e no que interveñen axentes públicos e privados, de aí a necesidade de coordinación dos mesmos para conseguir un desenvolvemento turístico eficiente e sostible. “Os trens turísticos son un exemplo de colaboración para ofrecer un produto de calidade grazas á creación de sinerxías que combinan o aproveitamento turístico do territorio e a preservación do medio ambiente”, dixo.

Nava Castro resaltou tamén que “o programa está a acadar gran acollida. Da totalidade das prazas ofertadas xa se venderon o 25,8% dende a posta en marcha da primeira das rutas o 14 de xuño”.

Train&Breakfast Camiño de Santiago

Este xoves comezou a funcionar o Train&Breakfast Camiño de Santiago que ofrece un modo diferente de facer a ruta combinando o traxecto por ferrocarril coas rutas a pé ou en bicicleta. Esta primeira saída rexistrou tamén unha ocupación completa nas 50 cabinas dispoñibles. Este sábado e domingo chegou a Galicia. As vindeiras saídas previstas para realizar este percorrido dende Barcelona son os días 1 e mais o día 1 de setembro. Implementouse dada a elevada ocupación unha saída adicional o 14 de agosto.

13 de xullo de 2014 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.